A Xunta volta a abrir a porta ao proxecto mineiro de Corcoesto após receber unha "documentación moi importante"

Máis de 2.000 folios. Esa é a documentación "moi importante" que a empresa canadiana Edgewater ten presentado á Xunta de Galiza. O Goberno galego reabre a porta ao proxecto mineiro de Corcoesto.

Concentración no Hórreo contra a mina de Corcoesto
photo_camera Concentración no Hórreo contra a mina de Corcoesto

O Goberno galego estaría a avaliar "moi polo miúdo" o contido da documentación achegada pola empresa.

A Xunta paralisara o mes de Xullo o proxecto por considerar que non existían suficientes garantías de viabilidade económica na oferta presentada pola empresa. Isto é, o goberno galego non situaba o problema na dimensión medio-ambiental (no uso de substancias perigosas, cianuro, para a extración do ouro), senón no aspecto puramente material do proxecto.

O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, cualificou hoxe de "proxecto importante" o formulado por Edgewater.

"Este é un proxecto importante e, portanto, require dun estudo pormenorizado, serio e solvente", acrecentou.

A Xunta non sitúa o problema na súa dimensión medio-ambiental, senón no aspecto puramente económico do proxecto

A Xunta estaría agora en disposición de avaliar se a nova documentación garante a solvencia económica e financeira da empresa.

Tahoces afirmou tamén que o Goberno galego estudará polo miúdo se "as reservas existentes no xacimento" son abondas para garantir a viabilidade da operación.

En Xullo a Xunta demandou á empresa que garantise a disposición de fondos propios de no mínimo o 25 por cento do que proxecta investir no proxecto. Isto é, Edgewater ten de certificar que os seus recursos son neste momento cando menos 27 millóns de euros (o investimento total é de 110).

Tahoces enfatizou que a Xunta non se marca prazos para tomar unha decisión definitiva sobre a autorización deste proxecto.

"Non queremos adoptar nengunha decisión precipitada, nengunha; queremos adoptar unha decisión solvente e rigurosa", dixo.

Comentarios