A Xunta terá que explicar a destrución dos restos arqueolóxicos de Coeses

Atopados na parroquia lucense de Coeses eran, segundo os expertos, un achado singular e importante por ser un conxunto arqueolóxico único e que permitiría coa súa conservación, abrir novas vías de investigación científica arredor do pasado castrexo. Unha iniciativa do BNG leva os feitos o Parlamento.

coeses

Os  restos arqueolóxicos atopados nas obras da Autovía Lugo-Compostela na parroquia lucense de Coeses eran, segundo todos os expertos, un achado singular e importantísimo por se tratar dun conxunto arqueolóxico único e que permitiría coa súa conservación, abrir novas vías de investigación científica arredor do pasado castrexo, despexando incógnitas sobre as tradicións mortuorias até o de agora practicamente descoñecidas.

O conxunto consta de tres partes: o Castro de Valente por un lado,  a Chousa do Castro por outro e no medio os transcendentais restos de inhumacións que foron destruídos polo actual trazado da Autovía. Malia as advertencias de colectivos sociais e de organizacións coma o Bloque Nacionalista Galego, a administración non protexeu este conxunto.

Explicacións

O grupo parlametar do BNG presentou unha batería de preguntas dirixidas ao goberno galego para clarificar en que condicións o Ministerio de Fomento procedeu a eliminar os restos arqueolóxicos . O deputado Cosme Pombo lembrou que o Bloque instara no seu momento ao goberno galego a "adoptar as medidas necesarias para preservar e conservar os restos arqueolóxicos". Esta iniciativa foi apoiada por unanimidade na Comisión de Cultura do Parlamento Galego. "Mais incomprensibelmente as obras da autovía continuaron avanzando contra o patrimonio arqueolóxico de Coeses”.

A destrución consumouse a pesares de que se demandou en todas as institucións a protección destes restos. Agora, Cosme Pombo diríxese á Xunta para saber se a autorizou a destrución de parte do xacemento arqueolóxico de Coeses e cal foi a valoración da Xunta sobre a importancia dos xacementos destruídos. Ademais, o parlamentario nacionalista, tamén preguntou polo lugar Onde están depositadas todas as pezas extraídas nesta escavación.

 

Comentarios