A Xunta só cambia o nome de cada vítima da violencia machista nas súas notas de prensa

Cambiar o nome na mesma nota de prensa. A deputada Carme Adán tirou de dúas comunicacións da Xunta para concluír que para o goberno do PP as vítimas da violencia machista son “só un trámite”. O vicepresidente Alfonso Rueda respondeu cun “no bipartito tamén morrían mulleres”. 

adan
photo_camera adan

A deputada do BNG, Carme Adán, leu dúas notas de prensa idénticas nas que só mudaba o nome. Unha correspondíase á comunicación da Xunta para condenar o asasinato de Isabel Fuentes  no Hospital de  Ourense e a outra referíase á vítima dun atentado de violencia machista acontecido en Vigo no mes de febreiro. Os textos eran idénticos, só o nome variaba. O exemplo foi empregado por Carme Adán para acusar a Xunta de considerar as vítimas da violencia machista como “un mero trámite”. 

Carme Adán esixiu á Vicepresidencia da Xunta unha investigación sobre o acontecido no Hospital de Ourense, onde Isabel Fuentes estaba a ser tratada precisamente por un atentado de violencia de xénero, ou a dimisión da Secretaria xeral de Igualdade. 

“Non sei se vostede pode durmir tranquilo despois do fracaso de dúas leis para a protección das vítimas e o asasinato dunha muller que estaba nun centro público de Saúde”, díxolle a Rueda a deputada nacionalista quen esixiu responsabilidades sobre o acoitelamento de Isabel Fuentes no Hospital no que estaba ingresada. Rueda, moi alterado, contestoulle á deputada acusándoa de que “no bipartito tamén morrían mulleres”, en alusión á xestión da deputada no seu tempo de Secretaria Xeral de Igualdade.

Comentarios