A Xunta recortou un 64% de orzamentos para cooperación en catro anos e o número de cooperantes caeu nun 80%

Só 9 persoas están contratadas por Organizacións non Gobernamentais Galegas fronte ás 44 de 2009.  O descenso do 80% de cooperantes  débese segundo a Coordinadora Galega de ONGD ao recorte por parte da Xunta do 64% de cartos destinados á cooperación internacional. 

Só 9 cooperantes teñen contrato de ONGD galegas
photo_camera Só 9 cooperantes teñen contrato de ONGD galegas

En decembro de 2009 en América Latina, África e Asia 44 persoas exercían como cooperantes contratadas por ONGD galegas. Na actualidade son só 9 as contratadas como expatriadas, segundo fixo saber a Coordinadora Galega de ONGD na conmemoración do día do Cooperante. 

O dato correspóndese co que denuncian como “reiterados recortes da Xunta nos orzamentos de cooperación”. En 2009, o goberno galego destinara 11,6 millóns de euros á cooperación internacional que se correspondían co 0,1% do PIB galego, “a maior cifra destinada nunca á loita contra a pobreza” din desde a Coordinadora Galega. Desde entón, a Xunta rebaixou nun 64% os cartos destinados á cooperación. “O orzamento de cooperación galega se atopa en cifras como as de 2001, o 0,05% do PIB” sinalan, o que leva a que as 46 entidades integradas na Coordinadora só conten con 9 persoas contratadas como cooperantes. 

Para as ONGD galegas, os recortes en cooperación da Xunta conducen a que haxa “menos proxectos en marcha e milleiros de persoas excluídas de procesos de desenvolvemento que ían garantirlles unha mellor calidade de vida a través da promoción e defensa dos dereitos humanos, da construción de infraestruturas básicas e da loita contra a discriminación e a desigualdade de xénero”. 

Comentarios