O BNG PIDE QUE NON SE ASINE O CONVENIO COA AXENCIA ESTATAL

A Xunta non despexa as dúbidas sobre Meteogalicia

As incógnitas que pairan sobre o futuro de Meteogalicia continúan sen ser despexadas. Ana Pontón interesouse sobre o asunto na comisión 2 do Parlamento galego.

Ana Pontón
photo_camera Ana Pontón

O BNG teme que a Xunta non consolide a situación do cadro de persoal de Meteogalicia e que este organismo dependente da Administración galega fique "invisibilizado" se finalmente a Xunta de Galiza asinar un convenio coa Aemet, a axencia estatal de meteoroloxía.

Iso foi o que levou a Ana Pontón a apresentar unha pergunta oral en comisión ao Goberno galego. 

Meteogalicia sofreu serios recortes no seu cadro de persoal, unha situación que levou á CIG a denunciar o seu "desmantelamento encuberto". As tesouras acabaron provocando a demisión do seu director, Vicente Pérez Muñuzuri, após comprobar que na Relación de Postos de Traballo da Consellaría de Meio Ambiente se propuña amortizar 101 prazas de persoal público, entre elas 3 correspondentes a traballadores de Meteogalicia, un recorte laboral que comprometería seriamente a calidade deste servizo público.

En realidade, estes tres traballadores foron xa despedidos en 2011 cando a Administración galega se desfixo do 20% do cadro do persoal de Meteogalicia. Mais, após o correspondente recurso ante os tribunais, conseguiron ser readmitidos ao ser considerado o seu despedimento como nulo.

Agora, no canto de se producir a consolidación dos seus postos de traballo, poderían perdelos de ir avante a RTP.

A Xunta non dá ningunha garantía de consolidación do actual cadro de persoal de Meteogalicia

Interpelado ao respeito por Ana Pontón, o secretario xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, Justo de Benito, non deu ningunha garantía de futuro a estes traballadores.

A parlamentar nacionalista alertou tamén sobre o convenio que a Xunta estuda asinar coa axencia estatal de meteoroloxía, AEMET. En palabras de Ana Pontón, "o ministerio quere utilizar as infraestruturas de Meteogalicia, mais sen dar nada a cambio, e impedindo ao organismo galego que desenvolva as súas funcións". Madrid, advertiu a deputada do BNG, quer ser quen dea as alarmas e as alertas sobre, por exemplo, os temporais na Galiza e enmarcou este episodio na vaga recentralizadora que impulsa o PP.

A cuestión de fondo é que o PP continúa vetando calquer hipótese de transferencia a Galiza dos servizos de meteoroloxía. Nesta lexislatura xa votou en contra dunha proposición do BNG para que, en aplicación do artigo 150.2 da Constitución, se transferise a Galiza unha competencia da que carece ao non figurar no Estatuto de Autonomía.

Na súa resposta,  Justo de Benito negou calquera intención desmanteladora e asegurou que a Xunta non está disposta a renunciar a ese servizo. Aliás, si deixou entrever que considera razoábel a proposta de convenio coa AEMET.

Comentarios