A Xunta oculta información básica do novo Hospital de Vigo

Sete preguntas e ningunha resposta. A Xunta continúa a ocultar información básica dos servizos e persoal do Novo Hospital de Vigo e a situación de reordenación da área sanitaria. A deputada do BNG, Montse Prado, criticou a falta de información na Comisión de Sanidade. 

hopital

A Xunta segue sen desvelar información básica sobre dotación de servizos e persoal no novo Hospital de Vigo así como a reordenación a área sanitaria. A falta de datos volveu quedar hoxe á vista despois de que, a preguntas da deputada do BNG, Montse Prado, na Comisión de Sanidade, a responsábel de Recursos Humanos do Sergas, Margarita Baamonde, continuase sen responder a preguntas básicas sobre o deseño do novo centro hospitalario. 

Logo de que o presidente da Xunta anunciase a posta en marcha do Hospital para o primeiro semestre de 2015, o goberno galego continúa sen desvelar as novas condicións dos postos de traballo do centro, os servizos nin a situación da área sanitaria. A deputada do BNG, Montse Prado realizou sete preguntas arredor do estado do novo centro hospitalario de Vigo á responsábel do Sergas nunha sesión na que criticou a ausencia de respostas tanto en sede parlamentaria como aos propios traballadores e traballadoras que están a vivir unha situación que cualificou de “incerteza”. 

Preguntou tamén a deputada pola contratación de dúas empresas para o traslado e o deseño do mapa de procesos e cuestionou que “a estas alturas se estea a contratar unha consultora para que defina os criterios sobre como se debe traballar no novo centro hospitalario”. Acusou Montse Prado ao goberno de “despilfarrar recursos públicos” no novo hospital e, “a maiores contratar empresas externas para determinar o traballo que fan con normalidade @s traballadores e traballadoras da Sanidade”. Concluíu a deputada que o proceso responde á “improvisación no cronograma sobre o previsto, incertidume do persoal e da poboación e ninguneo do persoal”. 

Comentarios