A Xunta insiste na implantación do modelo de centros plurilingües que beneficia ao ensino privado

Esta quinta feira, 30 de abril, pechábase o prazo para as solicitude de incorporación á Rede de centros plurilingües. A Xunta insiste nun modelo que, nos catro cursos que leva funcionando, demostrou que incrementa a discriminación e beneficia ao ensino privado. 

Aula universitaria _ imaxe de arquivo

Dos 1200 centros de ensino públicos existentes, tan só 111 forman parte da Rede de Centros Plurilingües que determina a Xunta. A relación muda completamente no ensino privado onde, de 280 son 110 os que son considerados plurilingües. O mesmo número de un a outro só que hai case cinco veces máis centros públicos que privados no territorio galego. 

O modelo que botou a andar de forma experimental coa orde publicada no ano 2010 imponse como permanente catro cursos despois elaborando un mapa do ensino no que os centros privados saen reforzados fronte ao ensino público. Os plurilingües teñen, entre outros beneficios, axudas especiais para a formación do profesorado e a posibilidade de que o alumnado poda facer no propio centro as probas para conseguir o título B-1, o que non acontece nos que non se sumaron á Rede de Centros Plurilingües. 

Pola súa parte, a denominación de plurilingüe experimentou, na práctica, unha nova segregación xa que, á propia económica que está maiormente vinculada á selección de centros privados súmase agora unha nova selección que conduce aos plurilingües ao alumnado con maiores capacidades e posibilidades formativas. 

Eliminar o galego no ensino

“O modelo en si mesmo é a imposición dun novo fraude pensado máis unha vez para reducir a presenza da lingua galega no ensino”, comeza o Secretario Nacional da CIG-Ensino, Anxo Louzao que ten reclamado en distintas ocasións a retirada do decreto. “Se se quixera pular polo ensino das linguas estranxeiras tería que ser para todo o alumnado, con profesorado abondo e non crear un mapa de centros de primeira e segunda como o que están a facer”, sinala dunha realidade discriminatoria que denuncia de novo. Para a CIG-Ensino, a norma establece unha barreira selectiva e segregadora para o alumnado que ten como único obxectivo a redución da presenza do galego no ensino. “É imposíbel acreditar en que a implantación dun terzo do horario en inglés vai supor máis destreza nesta lingua, cando non se adoptan medidas que son absolutamente necesarias para incentivar a aprendizaxe dun idioma, como a redución de alumnado por aula e a dotación de máis profesorado. Alguén pode pensar que con trinta ou máis alumnos e alumnas na aula é posíbel que todos e todas adquiran destrezas nunha lingua estranxeira? É imposíbel”, defende

De novo no Parlamento

A realidade dos centros plurilingües e os beneficios que supón para o ensino privado chegou de novo ao Parlamento da man da deputada nacionalista Ana Pontón na comisión no que o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García, defendía o novo plan destinado ao sector socioeconómico. “O modelo significa a fraude do plurilingüísimo que se incrementa na ESO onde a relación vén sendo de 5 privados a un público. Trátase só de propaganda sen visos ningún de realidade e de aí que non estean avaliando as competencias lingüísticas”, explica a deputada do BNG, que en breve demandará no propio Parlamento a avaliación do decreto. 

“A lei obriga á igualdade de coñecemento do galego e o español e os datos falan de que un de cada catro menores de quince anos non sabe falar galego. Véndese como plurilingüísmo cando a realidade é que se está a impartir educación física ou artística en inglés e eliminando a nosa lingua do ensino”, denuncia Pontón. 

Comentarios