500 DíAS DEMORA O GOBERNO GALEGO EN OFERECER TODOS OS DADOS

A Xunta gastou en apagar Monte Pindo 14 veces máis que en prevención

Catorce veces máis en apagar o lume nunha semana que en prever que pasara durante toda a historia. Estes son os datos que finalmente, 500 días despois de seren solicitados coa intermediación do Valedor do Pobo incluído, a Xunta remitiu á Asociación Monte Pindo Parque Natural. 

[Imaxe: Asociación Monte Pindo Parque Natural]
photo_camera [Imaxe: Asociación Monte Pindo Parque Natural]

Cincocentos días agardaron na Asociación Monte Pindo Parque Natural para obter o informe da Xunta arredor dos cartos públicos gastados na extinción do lume que arrasou o olimpo celta en 2013, coa mediación do Valedor do Pobo Incluída. Cincocentos días despois, a asociación que reclama a condición de Parque Natural para o Pindo xa ten na súa man os dados que falan dun gasto en extinción nunha semana equivalente a catorce veces do que a Xunta gastou en prevención en toda a súa historia. 

Segundo os dados achegados pola Xunta, o custo do operativo ascendeu a 0,53 millóns de euros e case a metade, 0,25 foron para empresas privadas. O sistema de lanzamento de palla escollido polo goberno da Xunta para recuperar a zona ascendeu a medio millón de euros. 

Desbrozar, pouco 

A Asociación compara as cifras co investido en prevención desde que o PP goberna, que ascende aos 79.000 euros para desbrozar 74 das case 2.000 hectáreas do monte. Sinalan tamén que a Xunta non gastou nada en indemnizar a veciñanza propietaria de casas, expotacións e propiedades afectadas polo lume. 

“Imaxinádevos que fixeran caso ao que levamos 5 anos dicindo e invertiran a metade deses recursos en crear o Parque Natural do Monte Pindo, retirar a madeira queimada no 2005, desbrozar e clarexar zonas de risco de incendio, manter as pistas, crear puntos de collida de auga, repoboar con frondosas, eliminar especies invasoras e eucaliptos, recuperar o silvopastoreo, mellorar o sistema fluvial e dotar de vixilancia e conservación o espazo”, convidan a supoñer desde Monte Pindo, no adianto do informe que están a difundir a través das redes sociais. 

                              

Comentarios