A Xunta diríxese en español á cidadanía cunha circular para o aforro enerxético

A Xunta, a través do Instituto Enerxético de Galicia, estase a dirixir á cidadanía en español enviando un “Decálogo para aforrar enerxía no fogar”. A circular acompaña a factura da luz cunha mensaxe da Fundación Gas Natural-Fenosa tamén en español. 

photo_camera

Remitida aos domicilios das persoas que teñen ao seu nome o contrato de Gas Natural-Fenosa, a Xunta de Galiza está a enviar unha circular en español co logotipo do goberno galego máis o Instituto Enerxético de Galicia. O escrito recolle un decálogo de recomendacións para aforrar enerxía no fogar e encabézase cun “desde la Consellería de Economía e Industria, a través del Instituto Enerxético de Galicia (Inega), se trabaja en distintas iniciativas encaminadas al ahorro y la eficiencia energética”.

A circular, dirixida unicamente a consumidores da Galiza, sinala que o consumo medio dunha familia galega supón un custe aproximado duns 2.600 euros por exercicio e revisa en dez puntos as posibilidades para reducir as cifras. O escrito encamiña, para máis información, á páxina web do instituto oficial da Xunta, www.inega.es. 

O texto chega ás moradas das persoas asinantes de contrato de enerxía eléctrica xunto coa factura nunha comunicación anexa na que nunha cara recolle a mensaxe da Fundación Gas Natural-Fenosa e na outra, a do Inega. A circular da Xunta aparece unicamente en español. 

                                  

Comentarios