BAIXO O MANDATO DE NúñEZ FEIJóO

A Xunta destinou máis de 83 millóns de euros ao despezamento da frota pesqueira galega

É unhas das principais partidas da política pesqueira en Galiza, as axudas e subvencións para a paralización definitiva da actividade de embarcacións pesqueiras. Os gobernos do PP destinaron entre 2010 e 2015 un total de 83,6 millóns a esta finalidade.

barco despezamento

Recibe o nome de ‘paralización definitiva da actividade’ mais en peiraos e confrarías denomínase directamente como o que é ‘desguace’ (despezamento). Sacar un barco do mar para despezalo e que xa non volva pescar. Para ‘chatarra’, como se lle di tamén popularmente. E a isto destínase unha das principais partidas pesqueiras en Galiza, a despezamento de barcos. Durante os anos que leva gobernando Núñez Feijóo (2010 a 2015) máis de 83,6 millóns de euros foron destinados a esta finalidade. Máis de 38.100 euros cada día. Unha boa tallada dos orzamentos pesqueiros, sendo a meirande parte destes fondos fornecidos pola Unión Europea.

A principios deste ano a Consellería do Mar anunciou unha partida de 10,3 millóns de euros para ‘paralización definitiva da actividade’. Dous deses millóns destinados á frota de baixura e o resto para outros segmentos da frota pesqueira galega. No primeiro ano completo de mandato de Núñez Feijóo, 2010, destináranse perto de 14 millóns de euros ao despezamento de embarcacións pesqueiras. Naquel exercicio presentáranse por volta de 121 solicitudes de despezamento. Desde entón e até finais de 2014, a cifra de peticións para recibir axudas para a parálise da actividade foron perto de 500.

No 2014 destináronse ao despezamento de barcos pesqueiros 18,8 millóns de euros en Galiza, dos cales máis de 5,5 millóns foron para o sector de baixura. No ano anterior, a cantidade para retirar os barcos do mar e despezalos fora 17,16 millóns. Entre 2011 e 2012 fdirixíronse un total de 23,6 millóns de euros a esa mesma finalidade.

Nunha década Galiza perdeu o 20% da súa flota

En só unha década Galiza perdeu máis do 20% das embarcacións da súa frota pesqueira. Unha 'reestruturación', como a cualifican desde as diferentes administracións, quer europea, estatal ou autonómica; que levou por diante uns mil cen barcos de pesca en 10 anos. En concreto, 1.085, segundo os propios datos oficiais da Xunta dispoñíbeis no rexistro de buques pesqueiros. Así pois, e de media, cada dous ou tres días Galiza perdía unha embarcación pesqueira menos. En 2004 eran 5.565 os barcos de pesca que compoñían a flota galega, das cales 4.867 eran do sector de 'artes menores' ou baixura, o tradicional, que faena perto da costa e é o sostíbel ambiental e socialmente. En 2015 a flota galega compense dun total de 4.480 embarcacións, das que 3.945 son de artes menores.

Comentarios