A Xunta cesa o director dun centro por defender o ensino público

A Consellaría de Educación cesou a Alfonso Malvido como director do instituto da Illa de Arousa, acusado de ter comezado o curso un día tarde por non contar cos docentes suficientes. Para apoiar a Malvido a comunidade educativa concentrouse como cada terza feira diante do centro e promete continuar coas mobilizacións até que a administración revoque a súa decisión. 

Alfonso Malvido
photo_camera Alfonso Malvido

O  director do instituto da Illa de Arousa, Alfonso Malvido ten canda el toda a toda comunidade educativa, que manifestou nunha concentración diante do centro o seu rexeitamento á decisión da Consellaría de Educación de cesalo a partir do día 31 de decembro e de impedir que se presente de novo a un cargo directivo nos próximos tres anos. A CIG chama á mobilización contra o que definen unha “decisión política” represiva na forma e no fondo contra quen só fixo defender a calidade do ensino público. 

Un coche oficial con dous funcionarios foron o medio que a Xunta empregou para notificar a Alfonso Malvido o seu cese como director do IES da Illa de Arousa.  A sanción chegaba nun documento de 16 páxinas no que constaba o cesamento ademais da imposibilidade de se presentar a un novo concurso nos próximos tres anos. “O coche cos dous emisarios remite ao máis puro franquismo. Este é un caso de represión pola defensa de Alfonso Malvido do ensino público mais non van conseguir que calemos diante dos recortes e o desmantelamento do sistema educativo”, sinalou Duarte Correa, da CIG-Ensino. 

Antes a prensa que o cesado

De maneira paralela á comunicación do cesamento, a Xunta emitía unha nota de prensa a través da Xefatura Territorial de Pontevedra argumentando que a suspensión de clases por un día, feito do que acusan a Malvido, era grave e negativa para o alumnado. Os medios de comunicación recibiron a nota de prensa da Consellaría antes de que Malvido tivera coñecemento do seu cesamento. Para a CIG, o comportamento da Consellaría de Educación “lembra outros tempos”, tanto no seu afán represivo como nos medios utilizados, o coche oficial cos dous funcionarios mais a ampla nota de prensa na que xustificaba o cesamento. A CIG anuncia que seguirá o proceso mediante o recurso de alzada diante do Conselleiro e manterá o seu apoio ás mobilizacións que sexan acordadas pola Comunidade Educativa do IES da Illa de Arousa que xa se manifestou esta terza feira en protesta polo cese de Malvido. O sindicato nacionalista fixo tamén unha chamada aos centros de ensino para que continúen manifestando a súa solidariedade con Malvido. 

A sanción contra o director do IES da illa de Arousa é a consecuencia do expediente disciplinario que a Consellaría de Educación abriu contra Alfonso Malvido coa acusación de ter comezado o curso un día despois ao non contar co profesorado suficiente. Para a CIG, o proceso responde “unicamente a unha intencionalidade política que busca silenciar a quen se compromete na defensa do ensino público”. 

Segundo a CIG, o expediente disciplinario é un “aviso para navegantes que envía o Partido Popular a todas aquelas persoas ou comunidades educativas que se destaquen polo seu labor de defensa coherente  dun ensino público galego de calidade”

A CIG-Ensino desenvolveu distintas accións ao longo destes meses, entre elas xuntanzas con representantes da administración educativa, da inspección e xefatura territorial co fin de buscar unha saída no conflito da Illa de Arousa mais finalmente, a Consellería optou pola sanción contra o director, que deixará o cargo a fins deste ano. “Só ten intención de castigar a quen se enfronta aos recortes, un castigo co que non van conseguir desactivar as protestas doutras comunidades educativas que esixen os seus dereitos”, lamentaban despois do encontro. As mobilizacións convocadas pola comunidade educativa continuarán na defensa da restitución de Alfonso Malvido ao seu posto de director do centro.

Comentarios