O prezo do transporte escolar en centros con xornada intensiva aumentará un 20%

O acordo foi asinado pola Consellaría de Educación e fixa de maneira xeralizada un incremento do 20% do custe do servizo para aqueles centros que muden a xornada partida pola intensiva. A medida garántelle prórrogas ao sector até 2020. 

transporte-escolar-a-examen
photo_camera transporte-escolar-a-examen

A central sindical nacionalista denunciou a través dun comunicado de imprensa o contrato asinado entre a Consellaría de Educación e a patronal do transporte en relación ao servizo escolar que esta desenvolve. Neste senso, de acordo cunha cláusula recollida no concerto-marco aprobado en 2010 "polo procedemento negociado" e "sen publicidade", advirten desde a CIG-Ensino, o transporte escolar poderá incrementar o prezo do servizo nun 20% naqueles casos en que o centro mude o seu horario de xornada partida a continuada. 

Esta medida, que poderá ser prorrogada até decembro de 2020 --segundo o disposto na Lei 5/2009--  resulta para a central nacionalista "inxustificada" e "abusiva" polo que exixen a súa retirada.

Aumentar os beneficios empresariais sen mellorar o servizo

Para a CIG-Ensino "esta cláusula" permitirá ao sector ampliar "de maneira automática a súa facturación un 20%, aínda que o custe do servizo, na realidade, sexa menor ou idéntico ao producido pola xornada partida" e condicionará os horarios de moitos centros por se atoparen de fronte "co rexeitamento das Xefaturas territoriais, debido a que teñen que facer fronte a un gasto dun 20% máis". 

Aliás, explican desde o sindicato, a mudanza no horario non varía os itinerarios nen tampouco as paradas ou o número de autocarros que continuarán a ser os mesmos que no horario intensivo. Desde a CIG-Ensino afirman que "estamos ante un feito gravísimo e abusivo, amais de  tramposo e inaceptábel" e denuncian que o acordo asinado pola Consellaría "só se pode explicar pola submisión" desta "aos intereses da patronal do transporte que procura acrecentar máis os seus beneficios sen mellorar nin ampliar o servizo". 

Así pois, exixen "urxentemente" a anulación do contrato.

Comentarios