Xulio Vicente, “Co que nos rouban coas preferentes mercaríamos dez Barreras”

A loita polas preferentes atravesa o ano que agora remata coa venda de NGB, a entidade na que se fusionaron as caixas nas que boa parte das vítimas da estafa depositaran os seus aforros. Xulio Vicente, voceiros da Plataforma do Baixo Miño, unha das máis activas e a que acumula máis multas e sancións polas protestas, fala dos dous anos de loita contra o que define como "estafa política". 

Xulio Vicente
photo_camera Xulio Vicente

Xulio Vicente acaba de vir de se reunir co Defensor del Pueblo en Madrid e leva dous anos nas rúas para reclamar o roubado nunha estafa, ao seu ver, non só da banca senón tamén dos gobernos do PP. O presidente de Banesco anunciou que tentará solucionar a cuestión nos tres próximos meses mais polo de agora as plataformas non teñen constancia. 

-Como está a súa situación dous anos despois?

Continuamos sen recuperar os cartos eu a máis a miña filla de doce anos que seguimos sen ter ido á arbitraxe. A min chamáronme varias veces mais non fun porque iso non se correspondería co discurso que teño na rúa nestes dous anos. 

-E que defende nas rúas?

Que cada día está máis demostrado que a arbitraxe foi un engano e que nunha estafa como esta non s pode buscar solución para uns si e outros non, deixando sen recuperar os aforros de persoas que, ao mellor terían máis dereitos e necesidade de ter os seus cartos. Agora, poño por caso, vén de saír a sentenza dunha nena de dous meses que os seus país tiveron que ir á vida xudicial mais polos camiño, por exemplo, cobraron concelleiros ou amigos de alcaldes que non son os que parece máis susceptíbeis de seren enganados. Unha das primeiras persoas que recuperou os cartos no Rosal foi un concelleiro en activo. 

-Cantas persoas aínda non recuperaron o que puxeron en preferentes?

Arredor de 40.000 están a reclamar todo ou parte dos seus aforros. En total eran sobre 80.000 e non chegan a 40.000 as que foron á arbitraxe. O resto ou asinaron unha quita ou o FROM converteunos en accionistas. Neste momento están pillados máis de 500 millóns de euros. Para algunhas persoas son todos os seus aforros. 

-Dous anos despois de teren comezado a batalla por recuperar os seus cartos, teñen certeza de que  esta foi unha estafa de grandes dimensións?

A estas alturas, máis que estafa das caixas ou da banca o peor foi o engano político que fixo o PP. O banco enganounos coas cartas tapadas porque non sabiamos que nos estaban a poñer diante mais os gobernos galego e español, Feijóo e Rajoy fixeron todo o posíbel por salvar o Banco e roubarnos os nosos aforros. Coas accións, a pesares do roubo, igual non foi con tanto descaro mais o do goberno foron continuas promesas incumpridas. Abonda ir á hemeroteca. Aínda non hai dous meses o Presidente da Xunta dixo que iamos recuperar os nosos aforros e a min non me deixan outra vía que non sexa a xudicial. Isto bota para fóra a moita xente porque lles mete medo e non queren saber dos xulgados. Prefiren perder os seus cartos que meterse nun xuízo. 

-En especial imaxino que a xente maior, de que porcentaxe estamos a falar?

Un 7% de persoas afectadas é xente maior e un 10% nenos. Saquearon as súas contas. A solución que o goberno promete nunca chega. Eu estiven no Congreso o dá que o PP legaliza por decreto as quitas. No memorandum introduciron tamén as subordinadas e roubaron a cara destapada. Aos roubos súmanse agora tamén as sancións por defender os nosos dereitos. 


-As plataformas, en especial a do Baixo Miño, están a recibir multas. A que cantidade ascenden?

Na nosa plataforma andamos arredor de 20.000 euros en sancións. Eu teño xa máis de 3.000 que xa pasaron á Subdelegación do goberno en Madrid e pasaranme con embargo a principio de ano. Non nos aceptan ningún recurso. Hai persoas con setenta ou oitenta anos que es´tan a ser consideradas como delincuentes pola Xunta. Toda esta guerra contra a nosa plataforma comezou cando o presidente da Deputación de Pontevedra nos acusou de sermos comandos para rematar co PP. A partir de aí comezaron a chegarnos sancións. Temos case corenta, de 60, 100, 500, 600... eu teño algunha causa penal aberta e seguen a chegar máis. Trátase dunha descarada persecución política. 

-As mobilizacións son moitas, por exemplo, cantas veces participou no último ano en actos de protesta?

O día 10 de decembro fixo un ano que nos pechamos no Concello do Rosal. Moitos pasamos o Nadal no salón de plenos. Foron seis meses de peche. En febreiro foron tres no concello de Tui. Os seus alcaldes prometeran unha solución e tamén con eles nos sentimos estafados. Rara é a semana que non temos mobilizacións, imos a plenos, protestamos diante dos locais das caixas... Son xa dous anos e o desgaste é moi grande. Tamén economicamente. A plataforma está pondo 10 euros ao mes por persoa para asumir os gastos. Manter a rúa ten moitos custes. Esta semana, por exemplo, fun falar co Defensor do Pobo, para transmitirlle a situación e denunciar a estafa. 

-No seu caso particular, como se produciu a estafa?

Fun meter os aforros nun prazo fixo e dixen claramente que non quería intereses altos porque tiña que dispor do diñeiro. Estaba a facer a miña casa aos poucos e quería sacalo cando o precisara. A primeira vez que oín falar de preferentes e subordinadas foi a fins de 2011 e non sabía que os meus aforros estaban niso. Só sabía que tiña os cartos a prazo fixo en Caixanova. 

-Como ve que que se teña “salvado” as Caixas coa inxección de 9.000 millóns e agora vendido NGB fronte a súa situación sen resolver?

Son máis de 9.000 o que se empregou para a súa salvación porque entre iso e o que nos rouban a nós superan os 10.000 millóns. O banco déronllo limpo e po riso venderon só o 88%. A situación dos que non asinamos e temos accións no banco non se sabe aínda cal será. Cando tiñan a posibilidade de que unha empresa que se quede co banco, púidose ter posto enriba da mesa a solución para os clientes estafados pola entidade. O señor de Guindos non se preocupa polos afectados, é denigrante. Logo aínda temos que oír ao presidente da Xunta o agradecemento aos servizos de Castellano. Rinse de nós. Roubáronos, sanearon o banco para re galarllo a alguén de fóra e nós quedamos no camiño. Se recuperaramos os bancos, os afectados polas preferentes poderiamos comprar dez Barreras, como me dicía hoxe un compañeiro. As estafas a este país son continuas. Venderon Barreras por cincuenta millóns e a nós roubáronos dez veces iso. Esa é a maneira en que o PP está a desmantelar este país. 

-Algunhas das persoas afectadas polas prefrentes son tamén vítimas das multas de Facenda a emigrantes, coñece casos?

Claro que coñezo. Algún terríbel como o de Domitila, unha muller que con 82 anos foi multada por saltar o cordón policial e tivo que pagar catro mil euros a Facenda por estar cobrando unha pensión do estranxeiro por viuvedade duns catrocentos euros. Tiña 15.000 euros en preferentes e continúa na rúa. Son casos tremendos como o de Lois, un home de Cambados que tivo un accidente gravísimo e ten unha discapacidade mental do 60% por accidente polo que cobrara unha indemnización de 60.000 euros que o banco lle roubou. Agora ten aberta dúas causas penais polas protestas. Un home como este non tiña que estar na rúa. 

Comentarios