Novas probas confirmarían unha trama na fraude forestal da Costa da Morte

As probas caligráficas son un chanzo  máis no longo xuízo pola fraude das axudas forestais da Costa da Morte que ascende a cinco millóns de euros e implica a empresas e administración. 

Máis de dous anos despois de que a FRUGA destapase a presunta fraude das axudas forestais na Costa da Morte, as novas probas do xuízo están a confirmar a hipótese inicial dunha trama na que participaban empresas e membros da administración. A contía dos cartos públicos que se substraeron de maneira irregular ascende a cinco millóns de euros, arredor de millón oitocentos en axudas para a forestación e limpeza de propiedades particulares e arredor de tres millóns nas adxudicacións directas. 

"Novas tomas de declaracións e recollida de probas caligráficas desenvolvidas na pasada semana engaden novos indicios de cara a confirmar a hipótese" 

Novas tomas de declaracións e recollida de probas caligráficas desenvolvidas na pasada semana engaden novos indicios de cara a confirmar a hipótese defendida por FRUGA desde o inicio da denuncia, a existencia dunha trama na que están implicadas empresas e membros da administración e que xestionaba ás axudas á marxe das persoas que aparecían como beneficiarias. “As testemuñas seguen a corroborar as denuncias feitas no inicio e falamos xa de máis de cen denunciantes”, sinala Gabriel López, coordinador da FRUGA na Costa da Morte. Os denunciantes son maiormente as propias persoas que aparecían como beneficiarias dos cobros por accións forestais que, na maior parte dos casos nin eran da súa propiedade. Mesmo as parcelas para as que se solicitaba a axuda para forestación e mantemento, na maior parte dos casos denunciados, non se correspondían cos seus propietarios reais. Ninguén da propia Administración nin os mesmos axentes forestais comprobaban a súa titulariedade. Tampouco se detectou desde @s funcionario@s na continuada coincidencia das mesmas tres empresas que presentaban orzamentos nin no feito de ser sempre a mesma a que ofrecía a mellor oferta ou a coincidencia do mesmo número de conta para distintas agrupacións. 

"Desde as primeiras denuncias imputáronse máis de vinte persoas, algunhas delas funcionarios e funcionarias da administración local e autonómica que seguen nos seus postos". 

Desde as primeiras denuncias imputáronse máis de vinte persoas, algunhas delas funcionarios e funcionarias da administración local e autonómica que seguen nos seus postos. As primeiras denuncias sitúanse en 2011, data na que se inicia un procedemento que está aínda en activo con novas recollidas de probas. “Os documentos cos que se está a traballar no propio xulgado falan de “entramado” no que participan empresarios, entidades bancarias e funcionarios, trátase dun proceso lento no que a administración non respondeu de maneira contundente á hora de tomar medidas preventivas contra a fraude”, sinala Gabriel López. 

A fraude saíu á luz cando os denunciantes decatáronse de que eran beneficiarios de axudas da Xunta que nin tiñan solicitado nin recibido. Os cartos, segundo todo parece indicar, serían ingresados en contas bancarias tamén fraudulentas, en nome dos beneficiarios mais sen eles mesmo o saberen. As probas apuntan tamén a que as actuacións de repoboación terían sido certificadas por técnicos sen térense sequera desenvolvido. As vítimas do calote denuncian indefensión e continúan a colaborar nun proceso que se prolonga xa máis de dous anos. 

Comentarios