A xuíza De Lara ve Telemiño detrás do financiamento ilegal do PP en Ourense

A maxistrada acha indicios de que o PP de Ourense se financiou irregularmente a través dun complexo entramado societario con dous alicerces básicos: Telemiño, do grupo La Región, e Planos (Gallega de Publicidad y Diseño S.A.).

José Luis Baltar
photo_camera José Luis Baltar

Facturas falsas, diñeiro negro, financiación irregular. Eses trazos, comúns ao PP en todo o Estado de acordo coas distintas investigacións en marcha, concretizábanse no caso da organización en Ourense nunha rede empresarial que pivotaba arredor de Telemiño e Planos.

É moi significativa a presenza de Telemiño, do grupo La Región, claramente aliñado nestes últimos anos co baltarismo e coa Deputación de Ourense. Tan aliñado que La Región se caracterizou por unha política informativa contraria a Feijóo e á cúpula do PPdeG durante a época de maior tensión entre o clan Baltar e Monte Pío.

O vice-presidente, Alfonso Rueda, desbota medidas do PP contra Santalices ou Baltar 

Na instrución do caso, a xuíza De Lara acha -após a investigación praticada por Vixiancia Alfandangueira- que "o PP de Ourense podería terse financiado ilicitamente através dun elaborado sistema de facturación, falsa e ficticia, utilizando para iso, no mínimo, que se saiba, polo momento, dúas empresas: TeleMiño e Planos".

Testemuña

As conclusións de De Lara baséanse en parte no testemuño de Emilio Pascual, xerente do PP de Ourense até 2010. Declarou que José Luis Baltar recebía en metálico "diversas cantidades de dinero procedentes de empresas". Era el propio quen recibía o diñeiro, en teoría donativos ao partido. Mais, alerta a xuíza, os pagamentos realizábanse no despacho do daquela presidente da Deputación, indo a parar o diñeiro á caixa forte "existente ao efeito na sede do PP ourensán". Estabelecíase así un sistema "imposíbel de controlar por procedimento legal algún, xa que as devanditas doazóns, ao incumprir a normativa vixente, non se reflectían na contabilidade oficial do Partido, o que impide coñecer igualmente o destino de tais sumas de diñeiro".

A testemuña, enfatiza De Lara, non desbota que "parte do diñeiro fose parar ao peto do Sr. Baltar". A xuíza especifica que, e sempre de acordo co ex xerente, "co diñeiro que recadadaba o Sr. Baltar (xeralmente billetes de 100 e 500 euros) se pagaban facturas en efectivo ás empresas Planos e Telemiño, que á súa vez facturaban a outras empresas gastos ocasionados polo PP".

As estimacións de Emilio Pascual apuntan a que en algúns exercicios "o importe total das doazóns puido roldar os 200.000 euros".

De acordo coa xuíza, esta versión da testemuña "avalaría a hipótese de Vixiancia Alfandangueira sobre os pagamentos realizados pola empresa Vendex ao Sr. Baltar o día 20 de maio de 2011".

No auto, De Lara pide a Telemiño e a Planos que disponibilicen as facturas emitidas desde 2003 até a atualidade a diversas "persoas físicas e xurídicas", entre elas o PP, Vendex, José Manuel Baltar Blanco, actual presidente da Deputación de Ourense, e Miguel Santalices, deputado do PP e vicepresidente do Parlamento da Galiza.

Telemiño di que "xamais" financiou un partido

Telemiño asegura que na documentación da que xa fixo entrega á xuíza instrutora da Operación Pokémon "pódese comprobar" que "xamais" participou "en ningunha operación de financiamento de partido algún", segundo recolle Europa Press.

Comentarios