O xuíz constata a "omisión de medidas de seguridade" no auto en que imputa aos responsábeis de ADIF

O xuíz Aláez continúa a instrución arredor do sinistro de Angrois. A súa última decisión, tomar declaración como imputados aos responsábeis da seguridade do tramo da liña ferroviária Ourense-Santiago. No auto constata a "omisión de medidas de seguridade" que non se viron supridas pola existencia dunha sinalización adecuada que advertise da perigosidade da curva de A Grandeira.

Tren, angrois
photo_camera Tren, angrois

O titular do Xulgado de Instrución Número 3 de Santiago, Luis Aláez, entende, nun auto ditado hoxe, que a omisión de medidas de seguridade suficientes, non supridas por unha sinaléctica adecuada, podería explicar en parte o descarrilamento do Alvia, saldado coa morte de 79 persoas. Daí que toma a determinación de imputar aos responsábeis de seguranza de Adif, a empresa estatal que administra a rede ferroviaria española.

O xuíz considera un feito probado que as características da vía en que se produciu o sinistro "son sumamente comprometidas para a circulación dos trens", o que claramente apunta cara á responsabilidade do Ministerio de Fomento (foi baixo o Goberno Aznar, con Álvarez Cascos no departamento, cando se tomou a decisión de aproveitar o trazado vello da curva da Grandeira no deseño da nova liña de alta velocidade).

Alén da inadecuación da vía para a alta velocidade, Luis Aláez xulga que tampouco por parte de ADIF se adoptaron as medidas de seguridade que puidesen evitar que un eventual despiste do condutor do comboio resultase, como así foi, nunha traxedia.

Aláez di mesmo no auto que "a omisión de medidas de seguridade non pode considerarse suprida pola de sinalización de entrada á estación de Santiago, pois embora esa sinalización supor unha advertencia de prudencia referida á velocidade a súa finalidade non é en modo ningún advertir do perigo da curva de A Grandeira ao maquinista para que leve a cabo unha redución moi importante da velocidade".

O xuíz considera que a sinalización de entrada á estación non advirte do perigo da curva de A Grandeira

A data para a declaración na súa calidade de imputados dos responsábeis de seguranza do ADIF hase de estabelecer, indica o xuíz no seu auto, unha vez que esta empresa pública "informe sobre a identidade de tais persoas".

A cousa non fica aí. O xuíz require do ADIF que lle entregue diversos informes e documentos que atinxen ás condicións de seguranza da vía en que se produciu o sinistro que se saldou coa morte de 79 persoas. Tamén llos pide a Renfe. Aláez reclama aínda a Fomento que a Comisión Asesora de Seguranza na Circulación Ferroviaria dea informacióin sobre calquer eventualidade que se producise no tramo de vía entre o ponto en que se produciu o descarrilamento e os 10 quilómetros anteriores.

As responsabilidades políticas tamén interesan ao xuíz, que se dirixiu ao Congreso para solicitar unha copia do diario de sesións correspondente á Comisión de Fomento realizada os días 8 e 9 de agosto no Congreso.

Comentarios