O xuíz exixe a Renfe toda a información sobre as advertencias da curva de Angrois

Outorga ao organismo público tres días para lle informar das decisións adoptadas após recibir o correo electrónico no que o xefe de máquinas de Ourense advertía das deficientes medidas de seguridade no tramo do Alvia sinistrado. Adif asegura que só tivo coñecemento das advertencias do xefe de máquinas hai un mes. O BNG e AGE demandan no Parlamento a creación dunha comisión de investigación perante "o revelador documento" que, din, "contradí as declaracións dos responsables de ADIF". 

Accidente tren Angrois
photo_camera Accidente tren Angrois

En só 24 horas o xuíz instrutor do caso de Angrois, Luís Aláez, respondeu á última proba achegada polo avogado da defensa. E fíxoo para requirir a Renfe toda a información relativa ás advertencias lanzadas polo xefe de máquinas de Ourense, cando hai dous anos, sinalaba nun correo electrónico enviado ao seu superior --e que tería sido tratado polo órgao de dirección da propia Renfe-- que as deficientes medidas de seguridade na liña de Alta Velocidade que une Ourense e Compostela impedirían evitar un accidente ferroviario de non se producir unha redución da velocidade que, advertía, era "brusca". 

Aláez fixa en tres os días que outurga a Renfe para recompilar a documentación relativa a aquelas xuntanzas directivas en que se tiver tratado a perigosidade da curva da Grandeira e a falta de sinalización nos quilómetros anteriores á mesma. A decisión do xuíz evidencia o xiro que pedou a investigación a pasada quinta feira após a aparición deste novo documento no que se espella que as escasas medidas de seguridade do tramo non terían sido corrixidas por Renfe embora ter constancia --mesmo por parte de especialistas-- de que, se se producir un erro humano "xa nada se poderá facer", como indicou o xefe de máquinas dous anos antes do accidente. 

Adif di que non coñeceu as advertencias até hai un mes

A entidade pública responsábel da xestión dos camiños de ferro no Estado español, Adif, asegurou após coñecerse o correo electrónico remitido polo xefe de máquinas de Ourense --con data de decembro de 2011-- que non tivo constancia das advertencias até hai un mes. 

Desta maneira, o Adif bota balóns fóra a respeito das posíbeis responsabilidades que se puidesen derivar das súas decisións. Porén, o xuíz exixe que lle sexan remitidos os informes nos que a entidade dá conta do tratamento desas advertencias nas súas reunións. 

BNG e AGE demandan unha comisión de investigación

Pola súa banda, o grupo parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo, solicitou --máis unha vez-- a creación dunha comisión de investigación arredor do sinistro ferroviario acontecido o 24 de xullo de 2013 face o "revelador documento" achegado pola defensa. Unha proba que, dixo Francisco Jorquera, "contradí as declaracións dos responsábeis de Adif". 

Neste senso, o Bloque considera que os datos que se van coñecendo amosan claramente as deficiencias das medidas activas e pasivas de seguridade, así como o control das mesmas, e as deficiencias no propio deseño da rede e das súas condicións materiais e técnicas, polo que demandan a abertura dunha investigación parlamentar coa que dirimir as posíbeis responsabilidades políticas que por acción ou omisión non tivesen evitado o descarrilamento do Alvia no que faleceron 79 persoas. Mais tamén, explicaron desde a organización frontista, que contribúa a esclarecer o acontecido pois "as persoas afectadas polo sinistro e o conxunto da cidadanía galega esixen e precisan coñecer as causas do accidente", sinalaron. 

Tamén así, desde Alternativa Galega de Esquerda o deputado Antón Sánchez sinalan que os correos electrónicos entregados ao xuíz Aláez evidencian que "a curva tiña problemas e que houbo profesionais que avisaron dos mesmos" polo que demandan @s responsábeis polític@s que dean as correspondentes explicacións. 

Comentarios