O xuíz descarta atribuír responsabilidade penal ao interventor pola chamada

O traballador comparecerá esta sexta feira no xulgado mais en calidade de testemuña. O maxistrado considera que se ben a chamada pode ser considerada “desafortunada polo lugar e o momento” en que foi efectuada, iso non é motivo de abondo “para atribuírlle unha imprudencia con relevancia penal”

Accidente tren Angrois
photo_camera Accidente tren Angrois

O xuíz encargado do caso do accidente de tren de Angrois descartou, nun auto emitido esta quinta feira, que poida atribuírse ao interventor do comboio descarrilado unha responsabilidade penal polo accidente. Antonio M.M., o traballador ferroviario que chamou ao maquinista minutos antes do sinistro, comparecerá esta sexta feira no xulgado mais unicamente en calidade de testemuña.

O xuíz, Luís Aláez, sinala no auto que do contido da caixa negra despréndese que a chamada foi dous minutos antes do accidente. O maxistrado expón que se ben a chamada pode ser considerada “desafortunada polo lugar e o momento” en que foi efectuada, iso non é motivo de abondo “para atribuírlle unha imprudencia con relevancia penal”.

O xuíz tamén afirma que as chamadas para consultar se o tren pode circular `por unha vía determinada entran dentro do que se pode entender como “axustada a procedemento” habitual de Renfe e, xa que logo, son algo normal.

O operativo, a debate no parlamento

Por outra banda, o Parlamento de Galiza foi o escenario onde compareceu Alfonso Rueda para explicar o operativo de emerxencias que se activou a raíz do sinistro de Angrois. O vicepresidente defendeu en todo momento o dispositivo, mesmo con certo "triunfalismo", como denunciaron desde AGE. 

Toda a oposición coincideu en que houbo descoordinación, e salientaron que foi a implicación e co promiso dos profesionais os que paliaron esa deficiencia.

Comentarios