O xuíz da traxedia de Angrois nega presións políticas na decisión de deixar o caso

O Consello Xeral do Poder Xudicial aceptou a petición de Luis Aláez e o relevo producirase nuns meses, cando se nomee outr@ titular para o xulgado de instrución nº3 de Compostela. As vítimas do sinitro do Alvia na curva da Grandeira querían que Aláez continuase.

alaez
photo_camera [Imaxe: SG]


Estaba de garda o 24 de xullo de 2013, cando o comboio Alvia descarrilou na curva da Grandeira, en Agrois, e deixou 79 vítimas mortais e varias feridas. O xuíz Luis Aláez, titular do xulgado de instrución nº3 de Compostela desde hai catro anos, foi quen se ocupou da instrución do caso. No seu último auto apreciou "prudencia puníbel" no Adif, dependente do ministerio de Fomento, a quen sinalou por teren "xogado coa vida de moitas persoas todos os días". 

Aláez mostrouse disposto a dirimir responsabilidades entre as cúpulas de Adif e Renfe e demostrar se entre as causas do sinistro hai algunha máis que o despiste admitido polo condutor do comboio

Dixo Aláez nese auto que a decisión de modificar o proxecto inicial da liña de alta velocidade que une Ourense, Compostela e A Coruña foi "transcendental" e que unicamente carrexou "un beneficio menor que non ampararía nen xustificaría o incremento do risco" pois o único que se gañou foi reducir uns minutos de viaxe entre a cidade das Burgas, a capital galega e a cidade herculina. Responsabilizou a dirección do Adif de "regatear en seguridade por motivos comerciais e produtivos" e descartou imputar de maneira exclusiva ao maquinista e a persoal técnico polo acontecido en Agrois.

No seu último auto responsabilizou a dirección do Adif de "regatear en seguridade por motivos comerciais e produtivos"

Malia estar disposto a dirimir responsabilidades entre as cúpulas de Adif e Renfe e demostrar se entre as causas do sinistro hai algunha máis que o despiste admitido polo condutor do comboio, o xuíz sostén que non foron as presións as que o levaron a solicitar o translado de xulgado. Abandonará así a instrución deste caso. Cando presentou a solicitude, a comezos deste mes, alegou "motivos persoais" para pedir que o destinasen a un xulgado da mesma cidade, nomeadamente o xulgado do Penal nº1. 

As vítimas defenderon que non fose nomead@ unha xuiza ou un xuíz suplente namentres a praza que ocupa actualmente Aláez non se outorgase de maneira definitiva nun concurso de translados. Segundo informou o CXPX, o propio xuíz mostrou a súa disposición de continuar á fronte da investigación, malia que o proceso de adxudicación da vaga podería durar varios meses. 

Comentarios