O xuíz tilda de "ilegal e indebida" a decisión de non activar o sistema ERTMS en Angrois

Chama a declarar 23 cargos desta empresa pública en calidade de imputad@s. Entre os nomes están os tres últimos presidentes. Considera que primaron ''outros intereses'' por riba da seguridade na circulación do comboio

Tren, angrois, accidente
photo_camera Tren, angrois, accidente


"Ilegal e indebida". Así cualifica o xuíz Luis Aláez a decisión de non activar o sistema de freado ERTMS no Alvia que o 24 de xullo sufriu un accidente en Angrois, deixando 79 mortes.

No seu último auto, en que chama a declarar en calidade de imputad@s 23 cargos de Adif en calidade de responsábeis da seguridade na circulación do comboio, Aláez vai máis aló e subliña que "permitiron que esa situación de déficit na seguridade, con grave risco para a vida e a integridade das persoas, se mantivese até a data do accidente". 

Entende o xuíz encargado da instrución derivada do sinistro de Angrois que sobre o Adif "pesa o deber normativo de garantir a seguridade na circulación sobre calquera outro obxectivo" e remarca que neste caso a empresa "deixou primar outros intereses". Enumera entre eses reducir o tempo da viaxe entre Ourense e Compostela ou mesmo compatibilizar o sistema de protección co que xa se explotaba na estación de comboios da capital galega. 

Adif sabía que co ASFA se perdía seguridade, di o xuíz

Ao igual que fixo no auto anterior, Aláez volve salientar que nos oito quilómetros anteriores á estación de Compostela, onde se localiza a curva da Grandeira, lugar do sinistro, o proxecto de construción das vías da alta velocidade foi modificado respecto do inicial, onde si se contemplaba a instalación do ERTMS.

Finalmente optouse polo ASFA, que carrexa "unha evidente perda de seguridade na circulación" na medida en que este sistema de freado, malia estar homologado, non dá resposta perante un posíbel erro do maquinista.

Aínda sabendo isto, o xuíz achaca aos responsábeis de Adif que autorizasen o devandito cambio "sen exixir adicionamento algún que reforzase a seguridade, como podería ser a sinalización na vía da redución de velocidade pola curva ou a instalación de balizas que provocasen o freado automático" se o condutor do comboio non baixaba por si propio a velocidade.

"Un sistema vacío de previsión e de resposta perante o fallo humano"

No auto ditado esta terza feira, Aláez imputa a Adif a responsabilidade de ter mudado "un sistema de seguridade que parte da alta probabilidade de erro e dispón de resposta" a outro que cualifica como "vacío de previsión e de resposta perante o fallo humano". É isto o que reprocha da empresa española, que "debendo e podendo" instalar o ERTMS, tal operación non se fixese.

Por isto, o xuíz chama a declarar 23 cargos da Adif en calidade de imputad@s. Entre os nomes atópanse os últimos tres presidentes da empresa que son nomeados polo Goberno español.

Comentarios