Angrois: o xuíz cre que eliminar o ERTMS puxo en risco a "centos ou miles" de persoas

O xuíz Luis Aláez emite un novo auto en que volta a pór no albo a Adif, a empresa estatal proprietaria da infraestrutura en que se produciu o sinistro, saldado coa morte de 79 persoas. Para o maxistrado, a decisión de eliminar o sistema de seguranza ERTMS e a súa substitución polo ASFA -sen capacidade para frear a máquina após o despiste do maquinista- é "sospeitosa de criminalidade".

Accidente tren Angrois
photo_camera Accidente tren Angrois

O xuíz Aláez emitiu esta sexta feira un novo auto en relación ao accidente ferroviario acontecido en Angrois o 24 de xullo. O responsábel da instrución apunta de novo a ADIF, a quen presuntamente atribúe un delito de imprudencia puníbel.

Para o instructor da causa aberta, non é posíbel entender o accidente sen ter en conta que ADIF resolveu no seu momento modificar o proxecto orixinario da alta velocidad entre Santiago-Ourense. No primeiro deseño todo o percorrido ía ser en ancho universal, dotado do sistema de seguranza máis sofisticado, o ERTMS. Mais ADIF tomou a decisión de alterar o proxecto e de manter o ancho ibérico, para o transformar no futuro en internacional.

Porén, o ADIF tomou unha outra decisión trascendental: non dotar toda a liña de ERTMS. Este sistema de seguranza, que si tería sido capaz de frear o ALVIA malia o despiste do maquinista, se interrumpía no quilómetro 80,169, isto é, a 4 quilómetros da curva de A Grandeira. Apartir daí, entraba en funcionamento o ASFA, con prestacións menores.

O xuíz pon de relevo que ADIF dotou ao tramo máis perigoso dunhas "medidas de seguranza moi inferiores" ás do resto do percorrido

A este respeito, o xuíz é inequívoco: "A zona máis comprometida da liña para a circulación se acha no último tramo antes de Santiago de Compostela, é dicer, a zona máis perigosa situase dentro dos últimos quilómetros e, porén, a solución adoptada polos responsábeis de ADIF foi a de dotar ao tramo do accidente dunhas medidas de seguranza moi inferiores".

Por que ADIF tomou a determinación de alterar o proxecto orixinario? Aláez entende que para aforrar uns minutos -non sería preciso o cambio de rodadura dos comboios en Santiago e Ourense-, o cal incrementaría o atractivo comercial da liña.

ADIF, portanto, tería anteposto "presuntos logros estritamente comerciais" á seguridade das e dos usuarios, entende o xuíz.

Importante aumento do risco

O ADIF tería incorrido nunha conduta sospeitosa de criminalidade, ao tomar unha decisión que resultou nun "importante aumento do risco para a vida dos centos ou miles de persoas que utilizan a liña cada día, pois, eliminado o sistema ERTMS, o ASFA non avisa o maquinista do cambiou ou redución de velocidade de 200 a 80 quilómetros/hora no lugar de Angrois para transitar pola curva de A Grandeira".

Aláez inclúe as advertencias do xefe de máquinas de Ourense na instrución e chámao a declarar en calidade de testemuña

De por parte, Luís Aláez incluiu na instrución as advertencias lanzadas ano e medio antes do accidente polo xefe de máquinas de Ourense ao coidar "interesante tomar coñecemento do curso que puidera seguir a alerta dos maquinistas días despois de entrar en funcionamento a liña".

Desta maneira, Aláez refírese aos correos electrónicos que José Ramón Iglesias Mazaira tería enviado aos responsábeis de Adif advertindo da "situación de perigo no lugar de Angrois e a posíbel insuficiencia de medidas para afrontalo", recolle o auto.

No entanto, explica o xuíz instrutor, perante a complexidade técnica do caso Aláez require aos peritos da instrución que lle acheguen a súa opinión a respeito das "características da liña" de alta velocidade, as do tren sinistrado ou a normativa de redución da velocidade máxima.  

Comentarios