domingo 19.01.2020

The New York Times abre coa traxedia de Compostela, o rotativo madrileño La Gaceta, non

Os xornais de todo o mundo sitúan na capa a información do descarrilamento do comboio en Compostela. The New York Times abriu coa traxedia de Compostela, mentres que o rotativo madrileño La Gaceta -de tendencia claramente españolista-, non. Priorizou na súa capa a sucesión no PSOE andaluz.

NYT
NYT

La Gaceta é a división impresa da canle direitista Intereconomía. Na súa capa de hoxe, o asunto máis relevante non é o do máis grave sinistro ferroviario ocorrido desde 1944, senón unha nova andanada contra o PSOE andaluz. Si hai unha foto da catástrofe, mas na parte inferior da portada.

The New York Times non o dubida e coloca o sinistro como a información de maior realce da súa primeira.

O sinistro tivo unha enorme repercusión en toda a imprensa internacional. Eis un apresado resumo de titulares:

REINO UNIDO

'The Guardian': “España, en estado de choque despois de que o descarrilamento dun tren mate vintenas de persoas". O diario destaca que "a maioría das máis de 200 persoas que ían a bordo resultaron mortas ou feridas no accidente de Santiago de Compostella". Ademais, fai unha recompilación dos accidentes de tren máis graves que se viviron en Europa durante os últimos 25 anos. 


'The Independent': "A cifra de mortos sube até 77 despois de un tren expreso descarrilar perto de Santiago de Compostela". Engade que todos os vagóns saíron da vía e que "peregrinos católicos" se dirixían á cidade galega para "conmemorar a festa en honor de Santiago". Simon Calder, cronista de viaxes, asegura que esta traxedia "non" reflicte a seguridade dunha das redes ferroviarias de pasaxeiros máis seguras de Europa". 


'The Daily Telegraph':" Ducias de mortos nun accidente de tren no norte de España". A información acompáñase dunha galería de imaxes. 
 

'The Times': "España: 77 mortos no accidente dun tren de alta velocidade". Ademais doutras cuestións, o rotativo sinala que entre os feridos hai un británico e que se trata do peor accidente de tren no país en 41 anos. 

FRANZA


'Le Figaro': "A velocidade do tren, en cuestión,". Dende primeira hora da mañá, a web do diario ofrece un seguimento actualizado de forma continua das novidades sobre o accidente que inclúe imaxes e capas dos diarios españois. Recolle tamén as opinións dalgunhas testemuñas que definen como un "inferno" a situación vivida en Santiago e asegura que os servizos de emerxencia están "desbordados". 

'Libération': "Accidente mortal de tren en Santiago de Compostela". No interior da noticia, o medio apunta tamén ao "exceso de velocidade" como a causa da traxedia. 

'Le Monde': "O descarrilamento dun tren provoca 77 mortos en España".

ITALIA

'Il Corriere della Sera': España, masacre no tren dos peregrinos: 77 mortos". O diario remarca que había "un grupo de italianos a bordo" e recolle a información que publica 'El País', segundo a cal o maquinista tería admitido que ía a 190 km/h.

'La Stampa': "España, polo menos 77 mortos no tren descarrilado". Destaca tamén que se están a facer "verificacións" sobre o estado dos italianos que ían a bordo do comboio, e sitúa entre as informacións máis destacadas a "metida de pata de Rajoy", xa que o goberno español emitiu un comunicado de pésame coas "vítimas do terremoto" que tivo lugar hai dous días na China. Cita, tamén, opinións de testemuñas segundo as cales o tren ía "demasiado rápido".

'La Repubblica': "Tren a toda velocidade". O diario salienta que o tren "ía a 190 km/h" e asegura que "durante algúns minutos se reviviron os atentados de Madrid do 11 de marzo do 2004". A diferenza doutros medios italianos, este descarta que entre os afectados haxa grupos de italianos. 

ALEMAÑA


'Die Welt: "O tren ía demasiado rápido e envorcou na curva", sinala, e cita testemuñas dos feitos. Engade unha descrición da situación: "Vagóns descarrilados, compartimentos destruídos e un vagón que saltou por enriba do terraplén".

'Süddeutsche Zeitung': "Ducias de mortos nun grave accidente ferroviario en España". "É o inferno de Dante", engade o rotativo recollendo as impresións dunha testemuña.

'Frankfurter Allgemeine Zeitung': " Máis de 70 mortos nun accidente de tren en España". O diario tamén se refire ao exceso de velocidade como posíbel causa do sinistro e engade que, segundo unha testemuña, o choque pareceu "un terremoto".

ESTADOS UNIDOS

'The New York Times': "Descarrila un tren en España".

'The Washington Post': "Polo menos 77 mortos despois de que un tren descarrilase en España, o peor accidente en décadas,".

ARXENTINA

'La Nación': "Horror en España: descarrila un tren e hai 69 mortos", sinala o diario no seu principal titular da edición imprimida. A web recolle as declaracións do maquinista: "Descarrilei, que podo facer, que podo facer"!

'Clarín': "Descarrila un tren de alta velocidade en España: hai polo menos 77 mortos". Dedica tamén unha noticia a explicar as características dos trens Alvia. 

comentarios