Xesús Alonso Montero, “Ningunha institución vai colonizar a Academia”

O profesor Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928), filólogo e investigador cunha amplísima obra, candidátase como presidente da Academia cunha equipa da cal forman parte a ex-directora do ILG, Rosario Álvarez e o teólogo Andrés Torres Queiruga. 

Xesús Alonso Montero
photo_camera Xesús Alonso Montero

-Por que quere presidir a Academia?

Por marxismo. Vou ao café ás mañás, leo e fago faladoiro cos amigos... Na miña biografía isto é importante, mais un grupo de académicos insistiron en que na actual situación debía encabezar unha candidatura. Por marxismo decido comprometerme co ben público e prescindir do privado. 

-A elección de novo presidente rematará con esta difícil etapa da RAG?

Non é tan difícil. Dimitiu o anterior presidente e vaise producir o relevo. Sexa eu presidente ou non, a Academia terá dificultades económicas máis haberá que facer esforzos persuasivos para facerlle ver á Xunta que cómpre termar dela economicamente e ademais conseguir axudas doutra índole. Se seguise Ferrín os problemas serían iguais, o que acontece é que hai un feito que provocou unha especie de crise no seo da Academia, mais iso é un asunto que competía a outra directiva e non á candidatura que eu encabezo. 

-Como será unha Academia dirixida por Alonso Montero? 

Vou ofrecer o que ofreceu antes Méndez Ferrín, Barreiro ou del Riego. A Academia é a única institución que ten facultades por lei para codificar o idioma. Ao servizo diso temos que estar. Logo está todo o que se refire á dignidade e normalización da lingua. 

-Da anterior executiva destácase a apertura á sociedade, esa é a liña que cómpre seguir?

A sociedade está máis atenta ao que fai a Academia do que pensamos. Eu vivo en Teis desde hai 37 anos e creo que son máis coñecido polo que pasou nestes últimos quince días que no tempo anterior. Dinme: “vaia tomate hai aí” e eu respondo: “tomate ningún, porque a pugna non é por intereses económicos”. 

-A anterior executiva denunciou unha “colonización” da Academia por parte do CCG e o ILG, cal ten que ser a relación?

A Academia pode coordinar ou colaborar cunha actividade onde estea o ILG, o CCG ou o Ramón Piñeiro, mais de ningunha maneira se pode falar de colonización. Ningunha delas ten por lei as facultades da Academia a respecto da codificación do idioma. Canto a que houbo unha conspiración, teño que dicir que entre os académicos hai xente de esquerda, de dereita ou de centro, mais o común é estar ao servizo do idioma. Pode dirixila un independentista ou quen non o sexa, alguén na órbita do marxismo ou non, con tal de que teñan unha actitude de defensa do idioma. Cando se fala dunha conspiración da dereita foron aludidas persoas que apoian a miña candidatura e non creo eu que ninguén poida dicir que eu son persoa de dereitas.  

-Polo de agora presenta dous membros da súa equipa, pode ser que se integren persoas da outra candidatura se vostede gaña?

Estamos dispostos a chegar a un consenso, mais se non é así o día 20 presentaremos o equipo completo. Quen vote xa o fará a toda a executiva e non se vai cambiar dez minutos despois.  

-Cal é a súa posición arredor do recurso contra o decreto do plurilingüismo? 

A posición da Academia é ir adiante con todas as medidas que se iniciaron. 

-Defende ese papel de vixía da normalización lingüística?

Non sei se está na letra mais si na música, no espírito. 

(Entrevista publicada no número 42 do semanario Sermos Galiza nos quiosques desde a pasada sexta feira)

Comentarios