O xefe de Renfe volve falar de "atentado" en Angrois durante unha entrevista

Ao ser corrixido polo xornalista recoñece que foi un "lapsus", mais reitera que "nun primeiro momento pensouse que podía ser un atentado e desprazáronse os tedax". Insiste en que a vía é "completamente segura" e que "antes de final de ano estará resolto" o problema co sistema de freado ERTMS, asegurando que funcionará en todo o traxecto


No consello de administración de Renfe, que se reuníu na terza feira á tarde, o presidente da compañía, Julio Gómez-Pomar, informou dun descarrilamento "que todos coñecían e transmitimos o noso apoio a todos os corpos e institucións que participaron desde o primeiro momento do atentado".

A tese, refutada polo ministerio de Interior na mesma noite do accidente mais que foi sostida polo delegado do Goberno na Galiza, Samuel Juárez, aínda despois de que o Executivo español a desbotase, volve aparecer nas páxinas dun xornal en boca do presidente de Renfe. Mesmo despois de ser corrixido polo redactor, asumindo que foi "un lapsus", escúsase recordando que "nun primeiro momento pensouse que podía ser un atentado e desprazáronse os tedax".

Os problemas co ERTMS, ''resoltos a final de ano''

En decembro de 2011, cando se inaugurou o tramo Ourense-Compostela, a revista oficial de Adif publicou unha reportaxe en que se sinalaba como a Galiza viaxaba xa en alta velocidade. Porén, Gómez-Pomar rexeitou tal afirmación indicando que "a liña entre Madrid e Galiza está en transición para que en 2018 estea lista a AVE".

Aliás, acrecentou que o traxecto entre Ourense e Compostela ten instalado o sistema ERTMS que non chega até o final da vía "porque as entradas e saídas son zonas de transición". Segundo explicou o xefe de Renfe, xa se detectaran "problemas" entre o sistema ERTMS instalado na vía e o que portaba o Alvia. Suspendeuse o seu funcionamento porque podía provocar un mal funcionamento do servizo ou "paros de tren" e decidiuse que circulase baixo o freado ASFA, máis antigo e que non almacena dados tan precisos sobre as condicións da vía ou o propio comboio.

Di que o funcionamento do ERTMS en todo o traxecto "non é unha cuestión de diñeiro" e que estará operativo "antes de final de ano". En todo caso, e malia estar aínda recente o sinistro en que morreron 79 persoas, cuxas circunstancias non foron esclarecidas por completo, Gómez-Pomar recalcou que a vía tal e como está "é perfectamente segura".

Comentarios