Xavier Vence acusa á Xunta de non defender os estaleiros fronte o que fan os gobernos de Alemaña e Holanda

Alemaña e Holanda queren acaparar o mercado do sector naval diante a inoperancia da Xunta. O voceiro do BNG, Xavier Vence, acusou o goberno de Feijóo de deixar abandonado o sector nun momento crítico nun acto que tivo lugar en Vigo. Defendeu a non devolución do Tax Lease e a posta en marcha de medidas para financiar os estaleiros. 

Estaleiro Vigo
photo_camera Estaleiro Vigo

Nunha cidade que está especialmente afectadas polas decisións que se tomen con respecto á penalización europea polo Tax Lease como é Vigo, o portavoz do BNG, Xavier Vence, esixiu do goberno da Xunta compromiso á hora de defender o sector e acusou ao executivo de Feijóo de non respostar con contundencia á situación contra o que están a facer os gobernos de Alemaña e Holanda. 

“Hai países que aproveitan a súa posición na UE para defender con resultados os seus intereses mentres que para Galiza nin Feijóo nin Rajoy ofrecen solucións nin futuro”, sinalou Vence. Segundo explicou, a situación pola que atravesa o sector galego responde á estratexia dalgúns países para quedar co mercado da construción naval e tamén ás políticas de competencia da Unión Europea que, ao seu ver, non son neutrais.  “Detrás están as estratexias nacionais de Alemaña e Holanda para acaparar o mercado en Europa coa escusa da competencia. A teor disto, debemos esixir que Galiza e o Estado Español definan a súa posición política dentro da UE xa que outros países están utilizando o seu peso para quedar co sector naval”. 

Non só Almunia

Esixiu Vence unha “actuación seria” por parte do goberno da Xunta con medidas para a solucionar a situación na que se atopa o sector e os problemas de financiamento dos estaleiros. “O problema non é só Almunia, senón os criterios de política europea, que priman a defensa da competencia por riba de políticas industriais activas e xeradoras de emprego e a capacidade de influencia e decisión de Galiza para pelexar para que os seus estaleiros produzan en condicións de igualdade” sinalou 

A posición política defendida polo BNG pasa pola non devolución do Tax Lease, que consideran abusivo e inxusto , máis a posta en marcha de medidas que financien a actividade dos estaleiros por medio de “programas de estímulo fiscal e medidas que garantan e avalen as necesidades financieiras dos estaleiros” comentou o portavoz nacional. 

No acto, que se enmarca na campaña “Non é unha crise, é un roubo”, ademais de Xavier Vence, interviñeron a deputada Carme Adán, o responsábel comarcal de Vigo, Manuel Caride, unha persoa traballadora do naval, unha moza desempregada e unha afectada polas preferentes. 

Comentarios