Xa son 1.200 hectáreas as queimadas en Valdeorras

Neste domingo agárdase que o vento estea en calma. Onte, sábado, foi particularmente intenso e cambiaba de dirección constantemente, dificultando o traballo das brigadas para sufocar as lapas. Por outra banda, o Barco rexistrará a temperatura máis alta de Galiza, 28 graos.

O lume que se iniciou a sexta feira ás 13.00 calcinou xa 1.200 hectáreas, e segue decretado o Nivel 1 de emerxencia. Segundo a Consellaría de Medio Rural, "non se pode dar tecnicamente por controlado", aínda que xa o declararan controlado o primeiro día ás 21.00. Agora, malia as dificultades dos equipos por atallalo, din que está "estabilizado".

Traballan na zona 2 técnicos, 15 axentes, 60 brigadas, 25 motobombas e 6 pas, e onte chegaron 13 helicópteros e 16 avións, alén de efectivos da Unidade Militar de Emerxencia (UME).

O intenso fume obrigou onte ao desaloxo das parroquias de Veiga de Cascallá e do Barrio de Cascallá a tamén do lugar de Vilar de Xeos-Quereñono, concello de Rubiá, lindeiro co Barco. Tamén foran evacuadas xa na sexta as aldeas de Raxoá e Millarouso (no concello do Barco de Valdeorras).

Catro organizacións chaman á sociedade contra os incendios

O Sindicato Labrego Galego, a Asociación Galega de Apicultura (AGA), VERDEGAIA e a Plataforma para a Defensa das Fragas do Eume únense nunha organización nacional permanente para "forzar actuacións e medidas políticas" contra os incendios, que, afirman, nas últimas corenta décadas queimaron unha superficie equivalente á totalidade do territorio galego.

A organización deulle difusión a un manifesto, nas pasadas horas, en que expresa a súa solidaridade coas vítimas do Gran Incendio Forestal do Barco de Valdeorras, que xa leva máis de 1.000 hectáreas arrasadas, especialmente coas que "tiveron que ser atendidas polos servizos de urxencias sanitarios ou perderon as súas casas e enseres", sen esqueceren @s veciñ@s de outros incendios activos en Lugo e en Ourense.

Ten como obxectivos denunciar a "inoperancia" da Xunta na prevención e extinción dos incendios forestais, unha "praga" que "esquilma o medio ambiente forestal, produce grandes perdas económicas e pon en perigo a integridade física das persoas". En concreto, queren denunciar a política baseada en medidas contrarias á explotación racional do monte", e sinalan a recente aprobación da Lei de Montes ou o borrador da Orde pola que se regulan os cultivos enerxéticos forestais na comunidade autónoma de Galicia e se crea o rexistro de cultivos enerxéticos forestais.

Denuncian tanto políticas tendentes ao abandono do rural (co peche de explotacións agrarias e gandeiras), da Unión Europea, goberno do central e Xunta, como a redución nas partidas orzamentais na prevención e na extinción de incendios no goberno autonómico.

Comentarios