A vontade de recuperar Monte Pindo aumenta coa prohibición da Xunta

A paralización por parte da Xunta da acción do voluntariado para recuperar Monte Pindo incrementou nos últimos días o número de inscricións no proxecto de voluntariado de SOS Monte Pindo. 

Monte pindo
photo_camera Monte pindo

Malia a ameaza de sancións, o número de inscricións para partillar nas accións voluntarias que SOS Monte Pindo tiña deseñado para recuperar o espazo natural ardido aumentaron desde que a Xunta prohibiu a intervención. Segundo informan desde Asociación Monte Pindo Parque Natural, o Concello está tamén a estudar as posibilidades de actuación na zona dada a nova situación. 

Asociación Monte Pindo paralizou todo tipo de accións directas no territorio queimado aínda que anuncia que pode continuar traballando na sementeira de Lamas de Castelo co fin de aclimatar as árbores que o proxecto reciba. 

“O feito de que o PP se negase a prohibir a utilización de cianuro na minaría galega o mesmo día que paralizou un proxecto de recuperación dun espazo natural protexido tan valioso coma o Monte Pindo deixa claro que a sociedade está condenada a suplir a falta de acción deste goberno no que respecta ao medio ambiente”, sinalan desde a Asociación. 

Informe a favor 

Desde a Asociación reclámanlle á Xunta, a través dunha entrevista que solicitaron coa nova Directora Xeral de Conservación da Natureza, Verónica Tellado,a entrega dun Informe Técnico favorábel á declaración do Monte Pindo como Parque Natural que elaboraron os propios técnicos da Consellaría mais que a Xunta “omitiu deliberadamente ao negarse unha e outra vez a conceder esta figura de protección ao mítico macizo carnotán”

Comentarios