A volta ao mundo en cento vinte e sete quilos de cocaína

Un rexistro descubre cento vinte e sete quilos de cocaína no Juan Sebastián Elcano, o buque insignia da mariña española tres semanas despois de ter detido tres mariñeiros con máis de vinte quilos. 

Elcano
photo_camera Elcano

Que nun rexistro “exhaustivo” do buque insignia da mariña española, presentado dentro do “estreito clima de colaboración entre a Armada e a Garda Civil e outras axencias e instancias implicadas no proceso de esclarecemento dos feitos” segundo o comunicado emitido pola Armada, se encontren cento vinte e sete quilos de cocaína, despois de ter detido hai tres semanas tres mariñeiros con máis de vinte quilos, é algo para reflexionar, por suposto, mais tamén para se perguntar pola necesidade deste tipo de embarcacións.

Na realidade este é un buque de instrución de mariñeiros botado en Cádiz, España, o 5 de marzo de 1927, sendo madriña Carme Primo de Rivera, filla do ditador Miguel Primo de Rivera, máis na práctica participa máis en regatas e viaxes de volta ao mundo do que outra cousa. Nel estiveron embarcados os dous derradeiros reis da monarquía española, Juan Carlos I e o actual Felipe VI e, habitualmente, durante as súas travesías altos cargos de Defensa viaxan como convidados no barco.

Os tres detidos en xullo están agora no cárcere militar de Alcalá de Henares acusados de “embarcar drogas tóxicas ou estupefacientes” no Juan Sebastián Elcano. A xustiza militar condena este delito con penas de entre seis meses e seis anos de cárcere, nada comparábel aos sete anos de prisión a que foi condenado David Reboredo por vender unha papelina de heroína.

O exército, a armada, publicitada como exemplo de valores, onde a solidariedade, o sacrificio e o esforzo xustifican por si sós un sistema, un modo de vida, coas valoracións máis alta nos esquema de valores do CIS, entran de repente no mundo do narcotráfico. Os gardiáns da orde como campións da desorde.

Comentarios