As vítimas do Alvia reclaman verdade, xustiza e reparación

“Verdade, xustiza e reparación”. Son as tres reclamacións da Plataforma Alvia 04155 que neste primeiro aniversario da traxedia se concentraron na Praza do Obradoiro. Un ano despois esixen a creación dunha comisión de investigación e que se depuren responsabilidades penais e políticas. 

Concentración na Praza do Obradoiro
photo_camera Concentración na Praza do Obradoiro

“81 mortos e 147 feridos”. As camisetas amarelas cos números das vítimas do accidente de Angrois eran o distintivo da concentración da Plataforma Alvia 04155 na Praza do Obradoiro, un ano despois de o tren descarrilar na curva da Grandeira, en Angrois, a poucos metros de onde hoxe manifestan a súa rabia e a súa reclamación de xustiza, verdade e reparación, as tres palabras que resumen o sentir de familiares e vítimas. 

“Non poden maquillar esta situación dándonos unha medalla. Nós imos poñerlle unha placa aos viciños e Angrois, os verdadeiros heroes”, explica Teresa Gómez

“Transparencia e non mentiras. Comisión de investigación Xa. Vítimas tren de Santiago”, líase na pancarta central da mobilización, portada nun longo silencio por familiares e persoas que viaxaban no Alvia na Praza do Obradoiro. Son as esixencias que un ano despois, nunha xornada especialmente difícil, continúan mantendo persoas que veñen dos distintos puntos polos que circulaba o tren que rematou o seu traxecto a poucos metros do destino, unha cidade de festa e reivindicación. 

"Imposíbel maquillaxe"

Teresa Gómez é a primeira que sae da fileira para defender a posición da Plataforma. “Somos vítimas enganadas” comeza a dicir, en declaracións a Sermos Galiza, despois de lembrar a morea de veces que PP e PSOE negaron a creación dunha comisión de investigación que continúan agora a esixir. “Non poden maquillar esta situación dándonos unha medalla. Nós imos poñerlle unha placa aos viciños e Angrois, os verdadeiros heroes”, explica Teresa Gómez, encabezando o grupo que despois tentaría sen éxito facerse oír na entrega da Medalla de Ouro. Como case todas as persoas asistentes á concentración Teresa Gómez insiste en que o maquinista é o “último elo”. A cadea, segundo lembra, é moi longa e cómpre sinalar “os verdadeiros responsábeis” xa que, din, un tren a 300 km/h non pode depender dun erro humano. 

A súa beira está Arturo Domínguez que chega desde Madrid. No Alvia viaxaban a irmá, o cuñado e dúas sobriñas. Unha das sobriñas e a irmá pasaron xa máis de dez veces polo quirófano neste ano. “Reclamamos que se investigue.Os trens Renfe e Adif son transportes públicos e a súa obriga era traer os pasaxeiros ao seu destino. Esiximos que se esgote a vía penal e a vía política. O propio xuíz indicou que había motivos políticos para adiantar a inauguración e alguén ten que responder a iso”, exclama Arturo Domínguez que suma a súa análise á manifestación da dureza do ano que vén de pasar a súa familia. “É o accidente máis grave da democracia e non pode pesar o silencio sobre el”, sinala coa “rabia e a impotencia” de pensar que o tempo poda ir contra a súa esixencia de xustiza. 

 “É o accidente máis grave da democracia e non pode pesar o silencio sobre el”, di Arturo Domínguez

“Unha estafa e unha vergoña”, apunta Xesús Domínguez, vítima tamén do tren que recorda na Praza do Obradoiro que son 81 as vítimas e non 80 xa que a última faleceu no pasado mes de marzo. Aos despropósitos suma Domínguez unha denuncia que quere desvelar, non pola súa repercusión económica, senón para dar conta da indefensión das persoas viaxeiras nos trens da rede pública: o seguro obrigatorio de viaxeiros continuaba en pesetas, sen actualizar desde o cambio de moeda. “Todo foi unha grande chapuza e podía ter sido evitado. Rabia, indignación e pena”, sinte agora Xesús Domínguez que non entende como se lle pode explicar a alguén que perde un fillo que todo se podería ter evitado coa colocación dunha simple baliza. “Cremos na xustiza mais o Consello Xeral do Poder Xudicial está politizado e iso explica que o propio fiscal puxera un recurso para desimputar por dúas veces os responsábeis”, denuncia Domínguez membro da Plataforma que participará en Angrois da homenaxe ás vítimas do tren nun acto no que se lerán poemas e se colocarán 81 rosas brancas, unha por cada vítima mortal do accidente. 

PP e PSOE foron albo das críticas da Plataforma. “Temos que dicir que UPyD, BNG, IV e AGE pediron coma nós comisión de investigación. A ministra Ana Pastor dixo que non descansaría até que se soubera a verdade e eu digo que debeu descansar moi pouco neste ano”, apunta Domínguez que reclama xustiza e verdade desde a concentración do Obradoiro. 

Boa parte das persoas que portan as pancartas non poden conter as bágoas ao relatar a súa impotencia e a súa dor ao amplo grupo de xornalistas que están na Praza e buscan escoitar as súas historias, a dor mantida durante un ano e a enerxía para volver a Compostela para lembrar as 81 persoas que faltan. “Estamos loitando para que se faga xustiza e se saiba a verdade. Non se puxeron as medidas. Todo o mundo sabía que tarde ou cedo algo pasaría naquela curva e agora sabemos que podía terse evitado, e iso é o que máis doe”, lamenta a irmá de Olga Buitrago, tripulante cando o seu mozo David Bernardo no Alvia. Os dous morreron na curva da Grandeira. 

Apoio das vítimas do metro de Valencia 

Para apoiar ás vítimas do tren desprazáronse a Santiago unha representación da Asociación de Vítimas do Metro de Valencia. “Só vimos para apoiar, os protagonistas son eles”, di Paco Manzano que, infelizmente, non dubida á hora de sinalar as similitudes entre un e outro casos.  “Nos dous casos tratábase dun tren de alta velocidade, unha curva perigosa, os responsábeis sabían a situación... isto non é un accidente. Cando se poden poñer os medios e non se fai estamos a falar dun homicidio involuntario”, defende Paco Manzano que ve tamén no caso galego as dificultades que eles mesmos padeceron á hora de obter xustiza e verdade. 

O ambiente da cidade de Compostela era similar ao de hoxe o pasado ano a estas horas, turistas pola rúa, aire festeiro, e grupos que se ían achegando á cidade para participaren nos actos do Día da Patria. Unha fileira longa, como a do pasado ano, agarda para recoller a “compostela” e evoca a mesma normalidade do pasado ano na mañá do 24 de xullo. A poucos metros, nunha Praza do Obradoiro preparada para a noite de artificios, representantes da Plataforma Alvia 04155 lembran a traxedia que o pasado ano, nesta mesma noite, cambiou as súas vidas. 81 mortos e 147 feridos lembran as súas camisetas amarelas polos que continúan a pedir xustiza.

Comentarios