Vítimas das preferentes piden a "volta" dos seus aforros na saída en Pontevedra da etapa da "Vuelta"

Numerosos membros das plataformas de afectados de Pontevedra-Marín e O Salnés concentráronse  á saída da tirada da Vuelta a España, na cidade de Pontevedra. Exixían a "volta" dos seus aforros. Veciñ@s de Bértola (Vilaboa) tamén aproveitaron a pasaxe dos ciclistas para mostrar a súa oposición ao proxecto de construción dunha subestación eléctrica na zona.

preferentes Vuelta
photo_camera preferentes Vuelta

Os afectados polo calote das preferentes mostraron cartaces con mensaxes como "Queremos a Volta dos nosos aforros" e "Devolución íntegra do noso diñeiro", ben como luciron camisetas reivindicativas e puchas co lema "non ao roubo do aforro galego".

A acción pretendía tornar visíbel que "seguimos aquí reclamando o noso diñeiro", afirmou aos meios o portavoz da plataforma de Pontevedra-Marín, Daniel Rabuñal.

"Si hai diñeiro para traer a Volta a Galiza e a Pontevedra e que se xere riqueza", constatou Rabuñal, para quen "se nos devolvesen os nosos aforros tamén habería movimento económico e riqueza".

Anunciou novas protestas para o mes de setembro -axendadas os días 6, 12, 20 e 26-, con concentracións perante as principais sedes de Novagalicia Banco de Pontevedra e Marín.

Segundo informa PontevedraViva.Com,  @s veciñ@s da parroquia de Bértola (Vilaboa) tamén aproveitaron a pasaxe dos ciclistas -no treito Pontevedra-Arcade, pola N-550- para facer visíbel a súa protesta contraria á construción dunha subestación eléctrica na zona, perante a decisión da empresa Rede Eléctrica de dar comezo as obras esta mesma segunda feira.

@s veciñ@s defenden unha ubicación alternativa para a central que sexa respeitosa co dereito da cidadanía a protexer a súa saúde.

Comentarios