Vítimas das preferentes “acampan” o sábado no Obradoiro

De 11 a 20 horas. Durante nove horas a Praza do Obradoiro sentirá a protesta das vítimas das preferentes de todo o país que desprazarán ao centro da capital galega na máis longa das súas mobilizacións. 

Manifestación d@s afectad@s polas preferentes en Vigo
photo_camera Manifestación d@s afectad@s polas preferentes en Vigo

As plataformas de todo o país desprazaranse a Compostela o sábado dia 22 para unha nova mobilización, desta volta cunha feitura distinta. As persoas afectadas polas participacións preferentes e subordinadas concentraranse na Praza do Obradoiro de 11 da mañá a 20 da noite, co xantar incluído na praza. 

O programa está xa a circular entre as distintas plataformas, que contactaron con representanes do mundo da cultura para intervir na xornada mostrando o seu apoio ás persoas que están a desenvolver unha longa loita por conseguir a devolución íntegra dos seus cartos. Será esta a primeira mobilización despois de ter rematado de forma oficial o tempo da arbitraxe e a segunda desde que se coñece a quita aplicada ás afectadas de NGB, despois de que o pasado sábado se manifestaran en Ourense. 

A concentración comezará a partir das 11 horas, cando as distintas plataformas cheguen a praza máis simbólica do país. A seguir, intervirán as distintas plataformas a través de comunicados ou mesmo poemas, cancións ou textos literarios. Ás 13 horas lerase o manifesto para, a continuación, comezar coas intervencións das persoas convidadas do mundo da literatura, da música ou das artes escénicas. Para as 14 horas está fixada unha foto central con pancartas nas escaleiras da catedral, xusto antes do tempo de xantar, na propria Praza do Obradoiro. 

Ás 16 horas, convidados por Adicae desenvolverase un pasarrúas pola cidade para despois ter lugar unha asemblea aberta con intervencións de membros da plataforma e, a seguir, repetir lectura de manifesto e intervencións do mundo da cultura antes de que ás 20 horas, unha anova foto diante da catedral coas pancartas despregadas poñan fin á xornada. 

As vítimas das preferentes anunciaron na mobilización e Ourense que ían intensificar aínda máis as súas mobilizacións e esta de Compostela sitúaos sen dúbida, na praza máis referenciada de Galiza, cita obrigada de turistas e pelegríns que chegan a Santiago co cal, de especial forza á hora de darlle visibilidade á protesta. 

Comentarios