Villares cualifica a demisión de Ferrín de "desproporcionada e extemporánea"

Entrevista do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, coa Radio Galega. O historiador valorizou como "desproporcionada e extemporánea" a demisión de Ferrín.

"Nego rotundamente que o Consello da Cultura Galega interferise na demisión de Ferrín como presidente da Real Academia Galega", afirmou tallante Villares na súa conversa co xornalista da Radio Galega Kiko Novoa.

Novoa perguntou a Villares pola súa opinión persoal, non xa institucional, sobre se fixera ou non ben Ferrín ao marchar. O que tamén fora reitor da USC respondeu nestes termos. "Iso teno que contestar el. Eu podo dicer o que xa se ten dito. Que foi unha demisión desproporcionada e extemporánea".

Ao historiador admírao que se especulase coa hipotética influencia do Consello da Cultura Galega nos acontecimentos decorridos na RAG. "Foi unha surpresa que se propalase esa idea", dixo

Villares tamén deixou a idea de que existe un certo grao de "invertebración" no campo das institucións culturais galegas. Ao presidente do CCG atribúeselle a proposta -que tería contado coa oposición frontal de Ferrín- de fusionar o CCG, o ILG e a RAG para criar unha estrutura ex novo que se inspirase no antigo Seminario de Estudos Galegos.

Comentarios