VIGOdixital, o novo xornal local comprometido coa veciñanza

Nace afirmando a súa independencia das institucións e do empresariado, face a a prensa "condicionada" polos seus patrocionios. O dixital edítase integramente en galego.

Capa de VIGO dixitalO panorama informativo da cidade de Vigo vén de se ampliar co lanzamento esta mañá do xornal VIGO dixital (www.vigodixital.com). O medio promovido e editado pola asociación ALÉN – Iniciativa para a Comunicación Popular, aposta por outro modelo de información local. 

No editorial co que presentou afirman a súa vontade de servir como “instrumento para comunicación popular” desde a “total independencia das institucións e do empresariado”. Desta maneira, VIGO dixital quere tomar distancia da oferta informativa local xa existente, que segundo aseguran fica, en xeral, “condicionada por patrocinios públicos e privados”. 

“O silenciamento de toda voz crítica, quer co poder institucional quer con grandes empresas, é máis unha forma de censura asfixiante” afirman. Fronte ela apostan por un exercicio xornalístico que concilie “rigor, veracidade e pluralidade” cun enfoque “comprometido co povo, e singularmente coas clases populares”. Unha vontade visada xa na súa primeira edición, ao incorporaren como principais novas no día do seu lanzamento unha reportaxe sobre a loita pola readmisión dos dous traballadores despedidos na Citroën e unha información a respecto do colapso nos servizos sociais municipais.   

Barrios si, localismo non

O medio reivindica que "sermos vigueses e viguesas é o noso xeito de sermos galegos e galegas en Vigo"

Un dos primeiros trazos diferenciadores ten sido a aposta por incluiren unha sección dedicada aos barrios. Unha decisión que xustifican explicando que “lonxe da uniformidade a realidade de Vigo é a expresión dinámica dun conxunto de microrealidades que teñen nos barrios e nas parroquias o seu espazo matriz”. 

Mais se hai un principio editorial que pode distinguir este novo dixital doutras cabeceiras é a súa negativa a se sumaren ao “discurso hiperlocalista” e das pugnas con outros territorios, que na súa opinión alimentan outros medios. “Fuximos do afán por isolar Vigo da realidade de conxunto da que é parte significativa,reivindicando que sermos vigueses e viguesas é o noso xeito de sermos galegos e galegas en Vigo” enfatizan. 

En galego

Para alén dun enfoque informativo diferente e da súa vontade de “poñer o foco nos feitos que os media sistémicos obvian” e facelo “dando a voz ás organizacións e movementos sociais tantas veces silenciados”, VIGO dixital xorde cun compromiso expreso coa nosa lingua propia. 

Desta maneira o xornal publicarase integramente en galego, o que constitúe toda unha novidade nas cabeceiras da cidade olívica. “Facémolo pensando nese 92,8% de cidadás e cidadáns de Vigo que recoñecen non teren ningunha --ou só algunha pequena-- dificultade para ler no noso idioma, e como contribución para promocionar o seu uso social” argumentan. 

Comentarios