A Vicepresidencia da Deputación de Lugo rescinde o contrato con Alcor pola redución salarial salvaxe aos traballadores

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobará este venres a rescisión do contrato coa empresa de seguridade Alcor por ter reducido un 40% o salario do cadro de persoal. A proposta da Vicepresidencia afectará aos servizos de seguridade do Museo e do Pazo dos Deportes.

Manifestación de Alcor
photo_camera Manifestación de Alcor

A Deputación de Lugo será a primeira institución que rescinda o contrato con Alcor Seguridad S. L, unha empresa que foi fortemente cuestionada pola redución drástica das condicións laborais do seu cadro de persoal. Alcor aplicou, despois da reforma laboral, unha redución salarial dun 40% ao seu cadro de persoal, arredor de 400 euros de media no pagamento mensual ademais de mermar as condicións laborais das persoas asalariadas.

A Deputación de Lugo, a través da Vicepresidencia a cargo do BNG, aprobará a rescisión este venres na Xunta de goberno nunha proposta na que se defende o argumento de que, debido á baixada salarial, a empresa experimentou unha substancial modificación das condicións do contrato, cunha subida de máis dun 10% dos beneficios empresariais,o que incumpre unha das cláusulas asinadas.

A CIG denunciou en repetidas ocasións o acordo da empresa Alcor Seguridad S.L. Co seu comité de empresa que conduciu á drástica baixada salarial e desvelou que o órgano sindical estaba formado por familiares do propietario.

A partir do inicio do procedemento para a rescisión na Xunta de goberno a empresa contará con dez días para volver á situación inicial do contrato, é dicir, anular a baixada salarial e a redución de condicións laborais. De non facelo, a Deputación volvería a convocar o concurso para a xestión do servizo de seguridade do Museo Provincial e o Pazo de Deportes para o que traballan sesenta persoas. O contrato de Alcor coa Deputación de Lugo foi asinado o 27 de marzo deste mesmo ano. A decisión tomada pola institución provincial é extraordinaria en canto á redución dun contrato pola redución de condicións laborais do cadro de persoal.

Manifestacións da CIG

A CIG-Servizos convocou varias mobilizacións co fin de rexeitar o regresivo convenio asinado por Alcor Seguridade cos representantes de UGT e USO que reducira de maneira drástica as condicións laborais e salariais do persoal. O secretario comarcal da CIG-Servizos, Xosé Paz, demandara a distintas institución que rescindiran os contratos que mantiñan coa empresa, ao incumprir o prego de condicións asinado. A precarización das condicións laborais do convenio de seguridade privada executada por Alcor denunciábase como unha ameaza para as condicións laborais do sector. A redución supuña, con respecto do convenio estatal, subir de 1.782 horas a 1.826 en Alcor, redución do plus de transporte dos 106, 50 euros no convenio estatal a 38,00 € do de Alcor e dos 162, 72 euros ao mes de plus de perigosidade a 18,62 na empresa con sede en Monforte.

Comentarios