Vía libre a Rueda como sucesor de Feijóo

O Congreso de Lugo elixirá a Alfonso Rueda como secretario xeral do Partido Popular en Galiza. Vía libre ao tamén vicepresidente como eventual sucesor de Feijóo, candidato a disputar con Esperanza Aguirre o liderado da organización estatal.

Rueda unirá a súa condición de secretario xeral á de vicepresidente e deputado. Colócase na pole position para suceder a Feijóo na eventualidade, cada día máis probábel, de que o presidente do PP galego abandone Galiza rumo a Madrid, onde Rajoy -que nos inquéritos de opinión aparece como o presidente do goberno pior valorado da historia da democracia- a duras penas resiste o acoso de Esperanza Aguirre.

O novo aparato de poder do PP galego estará claramente nas mans de Rueda ao reducirse o número de vicesecretarías -só sobrevivirá unha das actuais 5 e todo apunta a que será ocupada por unha muller. A mellor situada nas quinielas é Rosa Quintana.

Nos equilibrios de poder internos ao PP de Galiza a incógnita agora reside en saber se o aparato central prosegue a súa campaña contra o baltarismo ou, caso contrario, se procurará algún tipo de armisticio.

Comentarios