CRÍTICAS SINDICAIS AO DESENVOLVIMENTO DO PROTOCOLO DO ÉBOLA

“Que veñan a conselleira de Sanidade e Feijóo a ler o folletiño e poñer o traxe”

Dous protocolos distintos e un folleto en branco e negro. É o único material que recibiu o persoal do CHUAC desde o inicio da crise do ébola. 

Chuac
photo_camera Un aspecto do CHUAC

A Xunta de Persoal do CHUAC, da área sanitaria da Coruña, denuncia a descoordinación a respecto das medidas de protección do persoal para a protección polo contaxio do ébola. Desde o inicio da crise recibiron dous protocolos diferentes acompañados dun folleto en branco e negro con indicacións. 

"A camilla é a convencional, non a que se precisaría para trasladar unha persoa con ébola”

A presidenta da Xunta do Persoal do CHUAC, María Seijo (CIG-Saúde), transmite a indignación do persoal diante da desatención da administración sanitaria desde o inicio da crise do ébola. “Convido a que veña a Conselleira de Sanidade e o propio Feijóo a poñer os traxes de protección tan só lendo os folletos en branco e negro que recibimos”, denuncia. 

En setembro recibiron dous protocolos, un da Dirección Xeral de Saúde Pública e outro da Unidade de Medicina Preventiva, que indican os procedementos de retirada e colocación do traxe de protección individual, un dos momentos que están recoñecidos como máis delicado no contaxio da enfermidade. Os protocolos nin sequera coinciden. 

"É como se alguén tenta operar unha apendicite cun vídeo de youtube”, compara María Seijo (CIG-Saúde).

“En Urxencia e nos PACs só temos dous kits e unha fotocopia en branco e negro que chegaron por correo, pero nada mais”, laméntase María Seijo, que bota en falta a información práctica e o entrenamento. “É como se alguén tenta operar unha apendicite cun vídeo de youtube”, compara. 

En declaracións a Sermos Galiza, denuncia: “Temos pedida unha reunión coa xerencia desde a semana pasada e non recibimos aínda resposta . Por vez primeira hoxe reuniuse o comité do Hospital e a descoordinación é inmensa”. Anota tamén que a respecto do 061 existen tamén graves deficiencias. “Teñen traxes diferentes que cumpren as normativas pero os problemas veñen á hora de trasladar o doente a Vigo. A ambulancia está preparada, pero non cumpriría as condicións de seguridade en estrada porque non se poderían usar os cintos e a camilla é a convencional, non a que se precisaría para trasladar unha persoa con ébola”, explica. Esixen desde a Xunta de Persoal que se poñan a disposición dos profesionais de maneira urxente os cursos de adestramento e que se defina o protocolo. “Se aparece algún caso non estariamos preparados”, conclúe. 

Comentarios