A venda de NGB no nº 78 de Sermos Galiza

Máis un número saído do prelo e cargado de novas. A venda do aforro galego á banca venezolana, o referendo de autodeterminación catalán e a nova Política Pesqueira Común aprobada por Bruxelas, son algúns dos contidos que poderás atopar, coma cada semana, nos quiosques. Aliás, un AFondo sobre Rosalía de Castro achéganos á historia de noso através da poeta nacional. Xa ao dispor na nosa loxa.

Capa_SG78

A piques de comezar as ferias, Sermos Galiza sae ás rúas do país cargado de información. No número 78 do semanario, que xa podes mercar na nosa loxa, falamos da venda de Novagalicia Banco. A adxudicación da entidade financeira ao grupo venezolano Banesco deixa a Galiza sen unha ferramenta fundamental para o desenvolvemento económico do país. 

Aliás, botamos a ollada a Catalunya. Após o anuncio da data e pregunta do referendo pola independencia analisamos este paso adiante do pobo catalán. Un fito histórico do que conversamos con Aurélio Lopes, xornalista de Irmandade TV e das impresións que tirou da súa instancia en Barcelona os días posteriores ao acordo adoptado entre a Generalitat, ERC, ICV e a CUP. Tamén recollemos a opinión do director de Vilaweb, Vicent Partal.

Xa na política nacional revisamos a cerimonia de aprobación dos Orzamentos da Xunta para 2014 que coma o turrón, volven á casa por estas datas. Iso si, só co apoio do Partido Popular. 

En Social facemos un repaso ás consecuencias da reforma do Código Penal proposta polo Ministerio de Alberto Ruíz Gallardón e como tema da semana, volvemos ao Monte Pindo. Malia as ameazas do goberno galego o voluntariado continúa adiante co seu programa de recuperación do Olimpo celta. 

Repasamos as consecuencias da reforma do Código Penal e as mudanzas introducidas na nova Política Pesqueira Común

En Economía abordamos a nova Política Pesqueira Común que vén de ser aprobada en Bruxelas. Debruzámonos con representantes do sector sobre as súas consecuencias para Galiza, un país que abrangue un de cada dez empregos vencellados ao mar na UE. 

E nas páxinas de Cultura? Conversamos coa escritora Rosa Aneiros arredor da súa trioloxía, Ámote Leo, unha "viaxe extraordinaria" pola literatura xuvenil, di. 

Todos estes contidos e moitos máis, coma cada semana, nos quiosques e librarías do país. 

Comentarios