Vence sitúa na recentralización e a perda de NGB as principais ameazas para Galiza

O portavoz do BNG, Xavier Vence, sinalou dous “grandes buratos negros” que ameazan o futuro de Galiza e identificounos como a perda de NGB e a recentralización nunha conferencia no Fórum Europa en Vigo. 

  .
photo_camera .

Os buratos que, segundo Vence, baleiran o país de competencias políticas e recursos financieiros son “o burato negro do rescate da banca especulativa e o burato negro do centralismo desaforado”. 

“A vampirización centralista e a drenaxe do noso aforro son o nó gordiano que debemos desfacer para impulsar o desenvolvemento económico de Galiza e a nosa preservación como país”, sinalou Xabier Vence que situou a reforma administrativa que prepara o Goberno de Rajoy e a venda de NGB segundo os intereses de Madrid como os dous males que poñen en risco o futuro do país. Destacou que, pola contra, en Catalunya se teñen consolidado dous grandes bancos propios e agora se está a crear un público. En Galiza, ao seu ver, o proceso é o inverso, de desmantelamento porque se ben en Catalunya hai un proxecto de País, aquí a dereita de “Feijóo está entregada á estratexia centralizadora do PP”. 

Apostou, como voceiro do BNG, nunha banca pública galega que garanta o financiamento ás pemes e unha tarifa eléctrica galega que oferte prezos equiparábeis aos competidores ademais dunha fiscalidade que premie investimento e innovación. Trátase, segundo defendeu, dun modelo que vise “someter as finanzas á economía real”.

Xavier Vence valorou o dereito de Catalunya a decidir o seu futuro fronte aos atrancos que se lle presentan desde o centralismo madrileño e defendeu a relevancia que tamén ten para Galiza “un nacionalismo forte como o que representa o BNG”.

Comentarios