Vence perfílase como portavoz nacional do BNG cunha dirección executiva cun grao de renovación sen precedentes

Xavier Vence perfílase como o novo portavoz nacional do BNG ao encabezar unha proposta de candidatura ao Consello Nacional que conta co respaldo dos independentes, a Unión do Povo Galego e o Movemento Galego ao Socialismo, segmentos que neste momento son amplamente maioritarios na base militante da organización nacionalista.
Xavier Vence
photo_camera Xavier Vence

Xavier Vence (1961) liderará a que presumibelmente será a única listaxe que se apresente na Asemblea Nacional que o BNG realizará o 17 de Marzo en Santiago de Compostela (Pazo de Congresos). Vence será portavoz nacional cunha dirección moi renovada. Até 12 caras novas poderíanse incorporar á  Executiva Nacional.

O catedrático de Economía Aplicada da USC tentou que a candidatura que encabeza incorporase tamén persoas de Abrente, o colectivo liderado por Aymerich. Visando tal propósito, convocou unha reunión, que se realizou esta quinta feira. "Non houbo masa crítica suficiente para chegarmos a un acordo", revelou na Radio Galega Suso Veiga, dirixente desa corrente. Porén, Abrente non vai presentar ningunha candidatura alternativa.

Os distintos segmentos que impulsan a candidatura encabezada por Vence, que representan a amplísima maioría na base militante do BNG, teñen en mente a composición dunha nova dirección executiva profundamente renovada, até o punto de que, segundo puido saber Sermos Galiza, até 12 caras novas se poderían incorporar á Executiva Nacional.

Até 12 caras novas poderíanse incorporar á Executiva Nacional

Perfílanse como novos membros da dirección nacionalista Ana Miranda, Rosana Pérez, Goretti Sanmartín, Xavier Campos, Saleta Chao Rivas, Néstor Rego ou Mar Vila.

Retornaría tamén á Executiva Nacional Bieito Lobeira. Da actual dirección ficarían apenas Francisco Jorquera, Montse Prado e Rafa Vilar.

A profunda renovación da dirección visa o relanzamento do proxecto frentista en dous planos, no do relacionamento cos movementos sociais e no do fortalecimento organizativo, no cuadro da aposta que o BNG vén facendo a prol da conquista da soberanía nacional.

O Consello Nacional do BNG vaise reunir este sábado para debater as emendas ás teses da Asemblea Nacional vindas das asembleas comarcais.

Comentarios