Vence insta a Feijóo a que mude "a represión" polo "diálogo" e a "negociación"

Após as cargas policiais de onte, o BNG demandou esta cuarta feira a destitución do delegado do Goberno en Galiza, Samuel Juárez. O BNG levará a reprobación de Juárez ao Parlamento galego. "Feijóo ten que cambiar a represión polo diálogo e a negociación", dixo Vence.

BNG PIDE DIMISION DELEGADO GOBERNO 2

Vence apuntou directamente a Feijóo como responsábel do sucedido. "Feijóo manda, pero non goberna, e confunde a maioría absoluta con absolutismo, como se tivese patente e de corso. Ten tempo para calquera entroidada, pero non para recibir a frota do cerco ou a alcaldesas e alcaldes que representan a medio millón de galegos e galegas".

Vence empraza a Xunta a que renegocie en Madrid a repartición das cotas

Instou ao presidente da Xunta a que mude a "represión e as multas" polo diálogo e a negociación. O portavoz nacional do BNG acha que o primeiro que debería facer a Xunta de Galiza é "renegociar en Madrid a repartición das cotas".

Tamén houbo míseis dialécticos para Arias Cañete, pretenso candidato do PP a Europa. Perguntouse Vence se "o obxectivo é envialo a Bruxelas para que continúe tamén na Eurocámara machando aos sectores produtivos de Galiza".

Por súa parte, o portavoz do grupo parlamentar, Francisco Jorquera, denunciou: "Mariñeiros e mariñeiras reclamaron nas rúas de Santiago o pan para os seus fillos e a resposta foi mallalos a paus".

Jorquera acrecentou que esta é unha mostra máis da "criminalización" da contestación social ás políticas do PP en Galiza. E deu un dado estarrecedor: Galiza é a terceira comunidade de todo o Estado con máis expedientes e multas abertas por protestos das cidadás e dos cidadáns.

Comentarios