Vence: "Hai que saír o 15-S á rúa para pór no seu sitio aos gobernos da Xunta e Madrid"

En conversa co portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, o líder nacionalista é taxativo cando fala das razóns polas que o Bloque chama a encher as rúas este 15 de setembro. "A situación é insostíbel". Para Vence, "fica claro" que "ou a cidadanía vai facéndose cargo da situación" ou do contrario, afirma, "temos un horizonte moi negro"

Xavier Vence, portavoz nacional do BNG
photo_camera Xavier Vence, portavoz nacional do BNG

Para Xavier Vence, o discurso triunfalista do PP que mesmo fala de recuperación económica "é absolutamente falso" pois, di, "os dados económicos din o contrario". Segundo o portavoz nacional da organización frontista, "se nos deixamos levar polo triunfalismo dos gobernos de turno estariamos saíndo da crise desde 2009". 

Perante esta realidade, desde o BNG chaman a toda a cidadanía a saír á rúa o vindeiro domingo 15 de setembro pois "Galiza está nunha situación límite" de "auténtico colapso" a pesar, salienta Vence, "da propaganda oficial". 

"A única forma de facer política de esquerdas é ter poder de decisión"

Baixo o lema 'Por unha Galiza soberana', a fronte nacionalista convoca unha mobilización para "frear" o "deterioro da situación económica", mais tamén social e política. "No BNG cremos que a única forma de facer política de esquerdas", afirma Vence, "e de pór a economía ao servizo da cidadanía" é "termos poder de decisión". Neste senso, para a organización frentista "a soberanía non é un elemento accesorio", senón que, pola contra, "é a chave para promover políticas activas de emprego, na defensa da nosa industria, políticas de innovación, manter programas de investigación..."

Desde o BNG lanzan un chamamento ao pobo galego a se sumar á manifestación do vindeiro domingo e "exixir poder de decisión". 

A entrevista completa no número 64 do Sermos Galiza. Xa á venda nos quiosques e librarías. Tamén disponíbel na nosa loxa

Comentarios