Vence di que a proposta de frente de IU "non está a ter ningunha acollida nas demais nacións sen Estado"

O portavoz nacional do BNG reafirmou a aposta da formación frentista nunha "coligación unitaria galega" que defenda "directamente" os intereses de Galiza en Europa.

Xavier Vence e a executiva do BNG.
photo_camera Vence, durante un Consello Nacional


O líder do BNG compareceu perante a imprensa para avaliar os orzamentos do Estado. Aliás, na quenda de perguntas das e dos xornalistas, xurdiu inevitabelmente a cuestión das eleccións europeas, sendo que estamos nas vésperas do encontro que @s frentistas realizarán esta cuarta feira con Anova.

"Estamos a facer unha oferta a todas as forzas nacionalistas de esquerda para configurarmos unha coligación unitaria galega ás europeas", comezou por dicer Vence, quen agarda que "todos os nacioanlistas contribúan para conformar esta grande coligación que Galiza precisa".

Con este espírito, remarcou o líder frentista, irá o BNG á reunión cos seus antigos compañeiros de Anova, agora integrados no Parlamento nunha coligación cunha forza política da esquerda española. "Imos ver a responsabilidade de cara ao futuro que asume cada quen", dixo Vence.

Chanzo nacional, chanzo internacional

A formulación do BNG para a constitución da candidatura ás europeas ten dous chanzos. Un, o nacional, sería o da conformación dunha coligación unitaria galega. Outro, o internacional, sería o do acordo coas formacións soberanistas de esquerda de Euskal Herria e Catalunya.

As eleccións son de ámbito estatal e quen se vai presentar é IU, non a súa sección galega

O que si deixou meridianamente claro Vence é que o BNG non vai concorrer a esas eleccións da man de Izquierda Unida [lembremos que as eleccións son de ámbito estatal e quen se vai presentar é IU, non a súa sección galega]. "O que se está plantexando neste momento é unha fronte estatal liderada por IU federal a nivel de Estado, unha estratexia lexítima dunha forza estatal, pero contraditoria coas aspiracións dunha formación nacionalista de esquerdas como o BNG que ten en Galiza o único referente e na defensa dos seus intereses como país a súa razón de ser", acrecentou.

Foi nese momento cando Vence deslizou o dado de que a proposta de IU -a constitución dunha fronte ampla- "tampouco está a ter ningunha acollida entre os nacionalistas de esquerda das demais nacións do Estado".

O líder do BNG xulgou que para Galiza e para nacionalismo "sería un retroceso concorrer nunha candidatura liderada por unha forza política estatal" que compite no espazo eleitoral das distintas nacións "tratando de desprazar o nacionalismo".

Comentarios