Vence: "A base social do nacionalismo non entende que se apoie unha lista estatal ás europeas"

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, destacou nunha entrevista concedida este domingo á Radio Galega que a formación nacionalista está a vivir un proceso de aumento de militancia, en especial, xente nova que está a ver a urxencia dun compromiso maior, dada a gravidade da crise. Ao seu ver, moit@s nacionalistas non entenden que se apoie unha lista estatal nas europeas. 

Xavier Vence
photo_camera Xavier Vence

Xavier Vence destacou a entrada no BNG de militantes que buscan un maior compromiso nun país “ao que están levando pola senda da destrución”. A reacción política de xente nova súmase tamén, segundo dixo, o regreso á organización dalgunhas persoas que a abandonaran nos últimos, en especial, despois da última asemblea nacional. “Xente que ve no BNG a única opción para poñerlle fronte a esta situación e queren buscar alternativas e organizarse politicamente”, dixo Vence, destacando, en especial,  a vontade da organización en ser un “proxecto maioritario na sociedade que aspira á unidade de acción de todas as forzas que compartimos obxectivos.

O BNG aprobará o seu programa eleitoral para as europeas no Consello Nacional que realizará o 5 de abril

“Temos como obxectivo recuperar un amplo espazo do nacionalismo que ten que ser maioritario nesta sociedade e cómpre estruturar arredor dunha organización nacionalista potente”, sinalou Xavier Vence ao tempo que, en relación á integración de Anova na lista de IU, valorou que “os nacionalistas e a súa base social non poden entender que se apoie unha forza estatal e que se lle entregue a representatividade que temos como país, polo que é moi probable que a base nacionalista se decida a votar opcións xenuinamente nacionalistas”. 

Presenza garantida na UE

Lamentou Vence que a vontade do BNG dunha “candidatura do nacionalismo de esquerdas deste país e do País Vasco e Cataluña” non se puidera materializar, mais mostrou o seu optimismo en que Galiza estivera representada a través de Ana Miranda, a candidata que ocupa o posto número 2 na coligación con EHBildu. 

Preguntado polos termos do acordo coa forza vasca para o reparto no Parlamento no caso da coligación só sacar un escano, Vence afirmou que “está garantida a presenza directa no grupo parlamentar desde o primeiro día até o último e a repartición do tempo no Parlamento en función do resultado que obteña cada parte, cantos máis votos teña o BNG maior será a presenza da súa eurodeputada no caso de só ter un escano”. 

Canto ás xuntanzas por sectores que a formación está a ter por todo o país, Vence destacou que están a palpar que a situación económica vai cada vez a peor e “o sufrimento das familias vai en aumento e das empresas é cada día máis difícil”. Ao seu ver, as políticas do PP non están a traballar polo relanzamento da económica e, contra esta situación, o BNG quere “levar a Bruxelas a defensa da nosa economía produtiva, que é a grande preocupación da cidadanía”. Quedará reflectido nun programa electoral ao que se lle están sumando achegas recollidas en todos os encontros e que xiran fundamentalmente arredor de primar a economía produtiva fronte ao modelo que se impón na UE de potenciar a financieira. O programa de cara aos comicios europeos será debatido e aprobado no Consello nacional do próximo 5 de abril. 

Comentarios