Vence aposta en afortalar o BNG para reforzar así "o pólo nacionalista" como alternativa ao PP

A XIV Asemblea Nacional do BNG apostou en reforzar o “pólo nacionalista” e iso pasa de forma prioritaria por afortalar a formación frentista. Así o enfatizou hoxe o portavoz nacional da formación frentista, Xavier Vence, en entrevista coa Ser-Galiza

Xavier Vence, portavoz nacional do BNG
photo_camera Xavier Vence, portavoz nacional do BNG

En entrevista concedida á Ser-Galiza, o novo portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, abriu o abano a todas as fórmulas posíbeis de confluencia das distintas forzas nacionalistas, sen excluír ningunha hipótese. Estarían dispostos a eliminar siglas?, perguntou a xornalista Aida Pena. “Tamén, ou a sumar siglas, hai moitas vías posíbeis”, respondeu Vence.

“Nós estamos por sumar forzas. Na medida en que se podan sumar dentro do BNG, moito mellor. Esa é a prioridade que nos marcamos. Reforzar o proxecto político do BNG para afortalar o pólo nacionalista como alternativa ao PP. Mais tamén é certo que debemos ser realistas e sermos capaces de sumar forzas, se non é por esa vía, por outras”, dixo o portavoz nacional do BNG, quen enfatizou que a formación nacionalista ten “a mellor disposición para chegar acordos con todos os demais”.

Non hai marxe para a integración coas forzas políticas "que dependen de fóra"

Vence foi alén diso ao engadir que “mesmo non estamos fechados a calquer outra fórmula que, unha vez encetado o proceso de diálogo, poda ir xurdindo”, frase que deu pé a que a xornalista Aida Pena perguntase: “Mesmo eliminando siglas?”. O portavoz nacional do BNG respondeu: “Eliminando ou sumando siglas, hai moitas vías posíbeis, hai moitas vías para explorar. Temos interese en reforzar o pólo nacionalista e en o facer con algunha estratexia de colaboración".

O líder nacionalista deixou claro que a estratexia de confluencia das distintas forzas soberanistas tense de dar sobre a base de reunir só aquelas formacións políticas que teñen o seu centro de decisión en Galiza. Distinguiu dous ámbitos. O da coincidencia puntual con outras forzas no combate contra o PP e aí podería haber zonas de converxencia con formacións da esquerda española. E o acordo estratéxico para a construción dun pólo nacionalista que vise a conquista da soberanía para Galiza. Aí non habería marxe para a integración con quen “depende de fóra”.

Debullado polo miúdo o asunto da reunificación das forzas nacionalistas, a entrevista gravitou depois arredor do significado da palabra soberanía. Vence explicou que o BNG entende por soberanía a capacidade de decisión do pobo galego sobre a súa economía e ligou o conceito á democracia.

A soberanía é empoderar a sociedade, pór a cidadanía por enriba dos mercados

“Os mercados marcan as regras de xogo. Os Estados perderon a capacidade de control sobre a súa propia economía. A democracia devalúase. A poboación pode votar unhas opcións, mais logo esas opcións non marcan a política, quen o fai son os mercados”, dixo.

Recuperar a política para a sociedade, empoderala, pór a cidadanía por enriba dos mercados, ese é o significado da palabra soberanía. “En Latinoamérica están a recuperar soberanía. Están a reapropriarse dos seus países, dos seus recursos. Iso é o que temos que facer en Europa. Os europeus temos de aprender dos latinoamericanos, que están saíndo do pozo neoliberal grazas á recuperación da súa soberanía”, considerou.

Comentarios