Vence: "Anova ten dúbidas. Esperamos que as despexen reforzando o nacionalismo de esquerda e non unha forza estatal"

Entrevista na SER-Galiza con Xavier Vence. O portavoz nacional do BNG acha que Anova "ten dúbidas" a respeito da súa forma de concorrencia ás europeas.

Xavier Vence [M.Montero]
photo_camera Vence, en conferencia de imprensa

"O noso proxecto é reforzar o nacionalismo en Galiza", afirmou o portavoz nacional do BNG nunha entrevista con Ser Galiza.

Interpelado por Aida Pena a respeito das negociacións con Anova para iren ou non xuntos a Europa, o líder nacionalista dixo: "Anova, polo que vimos na reunión que tivemos con eles e polo que apareceu nos meios de comunicación, entendo que ten dúbidas [sobre a forma de concorrencia] e baralla a posibilidade de ir con forzas políticas estatais, que non desbota a posibilidade de ir con IU, nunha coligación liderada por IU".

En que sentido irá despexar Anova as súas dúbidas? Vence agarda que o faga na dirección de "reforzar o nacionalismo de esquerdas e non unha forza política estatal". "Esperemos que basculen cara á este lado finalmente, aínda que esa decisión é deles, como non podía ser doutra maneira", dixo.

Nen insultar nen demonizar

Aida Pena demandou a Vence que valorase as recentes declaracións da líder de Esquerda Unida en Galiza, Yolanda Díaz, en que esta tildou de sectarias as posicións do BNG. "A coordenadora de IU en GZ deberia ser algo máis respeitosa coas demais forzas políticas. Nós non pretendemos nen insultar nen demonizar a ninguén. Cada forza ten lexitimamente as súas posicóns e debe defendelas con coherencia e solvencia", respondeu o dirixente do BNG.

Non cre que a defensa da causa soberanista afasta o BNG da opinión maioritaria da sociedade galega, perguntou a xornalista ao portavoz nacional. Vence afirmou a este respeito a convicción que ten de que pór o acento na soberanía o que fai é "achegar o BNG á resolución dos problemas que ten este país".

Exemplificouno coa situación que atravesan os sectores naval e financeiro, atacados por decisións que se adoptan fóra do noso país. Dixo que de termos soberanía o naval podería reactivarse e Galiza podería acabar tendo ferramentas crediticias próprias para financiar o desenvolvimento económico.

Comentarios