Vence, aberto á hipótese de que "algunhas siglas existentes puidesen integrarse no BNG"

En declaracions á axencia Efe, Xavier Vence explicitou hoxe que a súa formación política está disposta a considerar, se se desen as condicións, que "algunhas siglas existentes puidense integrarse no BNG". O portavoz nacional do Bloque sinalou, nunha conversa telefónica con Efe, que traballa por conseguir un "proceso de achegamento" entre as distintas forzas soberanistas visando como obxectivo a "unidade do nacionalismo".
 

Xavier Vence, portavoz nacional do BNG
photo_camera Xavier Vence, portavoz nacional do BNG

A XIV Asemblea Nacional mandatou á nova dirección do BNG para que traballe na dirección de conseguir a reunificación do nacionalismo, nun proceso que se debe verificar "paso a paso" e sempre desde o respeito ao principio de auto-organización. Isto é, a unidade debe darse entre as forzas que son soberanas e que teñen o seu centro de decisión en Galiza.

Nese sentido, Xavier Vence mantivo unha conversa coa Axencia Efe para esclarecer como se ve este proceso desde a portavocía nacional do BNG. O catedrático de Estrutura Económica da USC expresou a súa vontade de "tender pontes" con outras forzas políticas nacionalistas. Máis en concreto, dixo que, de se daren as condicións, estaría disposto a considerar a integración no BNG "dalgunhas siglas existentes".

Advogou por "abrir un proceso de diálogo con todas as forzas nacionalistas que queiran participar para explorar vías de colaboración naquilo que poidamos compartillar na actualidade, na loita inmediata", dixo e engadiu que, no caso dese proceso avanzar, o BNG estaría tamén disposto a "explorar outras vías de maior alcance" e de carácter "estratéxico" para o futuro do nacionalismo galego, entre elas a posibilidade dunha fusión para incorporar outras forzas políticas ao BNG.

Trátase de afortalar o BNG como condición previa e necesaria para avanzar na reunificación do campo nacionalista, segundo vén defendendo o novo portavoz nacional, en congruencia coas teses aprobadas por arredor de 2.000 militantes na Asemblea Nacional realizada o pasado domingo no Pazo de Congresos de Santiago de Compostela.


 

Comentarios