"Vacas si, multas non!"

Até a Praza do Obradoiro, no centro de Galiza, chegou o estrume. BNG e FRUGA levaron ao corazón histórico de Compostela a protesta contra a multa a un gandeiro por suxar as vía pública coa bosta das súas vacas. 

Concentración no Obradoiro
photo_camera Concentración no Obradoiro

Cando dentro do Pazo de Raxoi se celebraba o Pleno municipal, as vacas e o estrume arriscábanse á posibilidade dunha nova multa atravesando o centro da cidade para se asentaren en plena Praza do Obradoiro. As vacas eran homes e mulleres disfrazad@s que participaban na concentración convocada polo BNG e FRUGA para esixiren a retirada da multa de 500 euros ao gandeiro da aldea de Reboredo, na parroquia de Enfesta, acusado de que as súas vacas deitaran bosta nunha vía de concentración parcelar. 

“A bosta nas pistas non é delito!” e “Vacas si, multas non!”, foron algúns dos lemas que se sentiron na concentración na que, sobre a pedra protexida por plásticos, botouse estrume como símbolo do dereito a producir no rural dun concello como Compostela. Ao gandeiro se lle impuxo unha sanción de 750€ que, despois de alegacións, quedou nos 500€ que, para BNG e FRUGA, continúa a ser unha multa inxusta contra un feito que, ao seu ver, non é delito. 

O alcalde da cidade, Agustín Hernández foi recibido cando entraba no Pazo de Raxoi para asistir ao pleno con berros de "a sanción non é solución; o alcalde que cague no balde". 

A convivencia e as vacas

A sanción ao gandeiro Jorge Piñeiro foi imposta pola Xunta de Goberno do Concello de Santiago despois de que un dos seus veciños denunciara que as súas vacas verteran bosta por unha vía pública que atravesaba de camiño ao prado. 

O goberno municipal considerou o caso como “infracción leve”, botando man da ordenanza municipal de convivencia, residuos e limpeza viaria. A resolución do goberno municipal adxuntaba “informes emitidos pola Policía nas inspeccións realizadas a requerimento veciñal". Recolle tamén o texto que os animais do gandeiro lixaban a vía “cos seus excrementos” co que ocasionaban “molestias aos veciños”. 

Remitíndose á ordenanza de convivencia, impoñen a multa consonte ao artigo 66.1 que di queu “ensuxar a vía pública como consecuencia da tenza de animais” constitúe unha “conduta prohibida”. O goberno municipal recoñecía, no entanto, que o camiño é de uso gandeiro. Jorge Piñeiro alegou, entre outras razóns, que a ordenanza pola que foi sancionado "vén referida a animais domésticos e non a animais destinados á produción de carne ou leite". 

Comentarios