A Unión Europea a debate en Pontevedra

Unhas xornadas organizadas pola Fundación Moncho Reboiras analisarán o futuro da UE no marco da crise.

xornadas

A Fundación “Moncho Reboiras” para o Estudo e Divulgación da Realidade Social e Sindical en Galiza (FESGA) organiza esta fin de semana unhas xornadas de debate e formación arredor da Unión Europea. Da man de expert@s na materia, durante dous días a Fundación debruzarase sobre as interrogantes abertas após cinco anos de crise capitalista. 

Cabe ou non outra Europa? Sobre que bases debe desenvolverse? Manterse ou saír do Euro? Arredor destas preguntas e doutras preguntas xirarán as mesas de debate e reflexión que compoñen as xornadas intituladas “Europa na encrucillada: crise sistémica, euro e UE” e que decorrerán na cidade de Pontevedra os días 11 e 12 de abril. 

Distintas voces porán branco sobre negro no proceso de construción europea

Para a FESGA "logo de transcorridos cinco anos desde o inicio da vixente crise capitalista cobra importancia capital o papel que nela están a xogar as institucións europeas", razón polas que decidiron centrar as súas II Xornadas internacionais no "proceso de construción europea", máis cuestionado que nunca. 

Aberto o debate, as voces de expert@s nacionais e internacionais tentarán deitar luz sobre as consecuencias económicas, sociais e políticas da pertenza á UE na procura de artellaren alternativas. Así, a profesora da USC, Mar Pérez Fra; o integrante do Seminario de Economía crítica Taifa, Joan Junyent (Catalunya), o  membro da Coordinadora Política do Encontro Sindical Nuestra América (ESNA), Leonardo Batalla (Uruguai) ou  Jacques Nikonoff  (Francia), ex-presidente de ATTAC serán algunhas das persoas que tomen a palabra. 

A FESGA habilitou un portal web en que se pode consultar o programa completo das xornadas e inscribirse

Comentarios