Unha sentenza xudicial obrigará a NGB a devolver 241 mil euros en subordinadas

A sentenza falla en contra da entidade financeira e obrigará a NovaGalicia Banco a reintegrar a maior cantidade coñecida até o momento 

NGB deberá facer fronte á devolución de 241 mil euros en participacións subordinadas. Desde a Plataforma de Afectad@s do Salnés apuntan que á espera de coñecer os detalles da sentenza xudicial, "é unha moi boa nova". 

"Até o momento é a maior cantidade" suxeita a resolución xudicial, apunta Ramón desde a plataforma. Porén, indica agardarán a coñecer máis devagar "se se lle devolven tamén os intereses" pois do contrario, subliña "podería ser outra quita". Neste senso, Ramón apunta que nas sentenzas coñecidas na comarca "devolveulle a cantidade íntegra" á persoa afectada polo que, neste caso "é o que nos gustaría". 

Perante a lentitude da arbitraxe e a aprobación da quita moit@s estafad@s valoran a vía xudicial a curto prazo 

Após a aprobación da quita polo Goberno español e "a lentitude da arbitraxe", acrecentan desde a Plataforma de Afectad@s do Salnés a vía xudicial comeza a ser "unha posibilidade a curto prazo" para moitas das persoas estafadas polo calote das preferentes e subordinadas. Máis se cabe, após se resolveren de maneira satisfactoria algunhas das demandas presentadas. 

En "calma tensa" como describe Ramón o clima que está a viver a comarca mais tamén con "preocupación" aseguran non ter coñecemento de cal será a dimensión real da perda legalizada polo executivo de Mariano Rajoy. "Falan dunha cantidade media do 22%", di, mais é sabedor de que "a maior parte" das persoas afectadas sitúanse por enriba desa consideración --que atinxe a aquelas persoas cuxas participacións vencen en 2014. Moit@s "están no ultimo tramo" con vencemento en 2018 polo que "a quita estará moi por enriba en realidade". 

Comentarios