Unha ollada A Fondo sobre América Latina

Diversos procesos transformadores fan de América Latina a vangarda na construción das alternativas ao neoliberalismo. Afondamos nas experiencias de Venezuela, Brasil, Ecuador, Bolivia, Uruguai...

O sistema capitalista está en crise e Europa abafada polo neoliberalismo e as institucións económicas internacionais. América Latina ten moito que dicernos ao respecto. As experiencias tiradas dalgúns países latinoamericanos dan boa conta das mudanzas nunha rexión que que padeceu séculos de colonización e deseños económicos e sociais promovidos desde o FMI, o Banco Mundial e a escola de Chicago. 

Duarte Correa, coordina este caderno que publicamos no número 45 do noso semanario. Unha ollada en profundidade sob as mudanzas desenvoldidas en América Latina da man de proxectos políticos vangardistas que lideran países como Venezuela, Ecuador, Brasil ou a Arxentina. Proxectos ben distintos, con acertos mais tamén erros, dos que se poden tirar importantes reflexións.  

Neste número, falamos sobre os procesos de integración rexional en América Latina con Valter Pomar, secretario executivo do Foro de Sao Paolo. O dirixente do PT no Brasil ten claro que para construír proxectos colectivos baseados nunha relación entre iguais cómpre "enfrontar o imperialismo". Aliás apunta cara á integración como "a única maneira de superar" os dous grandes entraves para a construción do socialismo na rexión, isto é "o baixo desenvolvemento das forzas produtivas" e "a inxerencia imperialista". 

Unha inxerencia externa encabezada polos EUA que aínda hoxe seguen a procurar submeter os Estados latinoamericanos a través de golpes "brandos" como os padecidos por Chávez en Venezuela, Manuel Zelaya en Honduras ou Rafael Correa en Ecuador. 

Con Roberto Mansilla, investigador do IGADI, afondamos nos retos da Venezuela bolivariana sen Chávez mais tamén dun dos seus proxectos máis cobizosos, a Alianza Bolivariana para os Pobos da nosa América (ALBA). 

Oito páxinas cun eixo condutor a defensa da soberanía dos pobos como alicerce para acadar as maiorías necesarias que permitan levar a cabo procesos de transformación económica e social. 

Comentarios